Fixar poboación e garantir servizos públicos, principais accións para o BNG no sur da provincia
As catro deputadas electas do BNG pola provincia de Lugo, Olalla Rodil, Daniel Castro, Montserrat Valcárcel e Iago Suárez, participaron nun almorzo informativo onde fixeron unha valoración dos resultados conseguidos polo BNG nas eleccións do 18 de febreiro, onde o BNG alcanzou un resultado histórico tanto a nivel galego como en Lugo.
En toda Galicia, alcanzáronse preto de medio millón de votos, 155.000 máis que en 2020, colocando ao BNG cun grupo parlamentario de 25 integrantes, que ocupa un terzo do hemiciclo, mentres que tanto na provincia de Lugo como na cidade se conseguiu unha mellora notable. O BNG foi a segunda forza na práctica totalidade dos concellos do Sur de Lugo, "uns resultados que amosan un cambio de tendencia en Galiza", afirmou o deputado Iago Suárez.
Suárez afirmou que liderarán “os vindeiros 4 anos unha oposición construtiva, facendo propostas en positivo que melloren a vida das galegas e galegos". Ademais ofrecerán un modelo “mellor para as galegas e galegos ao modelo que está a executar o PP desde os últimos 15 anos". O deputado afirmou que para a o sur de Lugo, as principais liñas de traballo basearanse en reclamar ao goberno "unha mellor sanidade pública e políticas que permitan fixar poboación e industria no rural", poñendo fin ao abandono da comarca.
Segundo o deputado do BNG, "queda claro que Galiza cambiou e que a única alternativa ao PP en Galiza é o Bloque Nacionalista Galego". Para iso traballarán “da man das nosas veciñas e veciños que ambicionan unha Galiza mellor, con mellores servizos públicos con máis oportunidades e máis dereitos, construiremos esta Galiza colectivamente ao longo destes catro anos", afirmou Iago Suárez.