Finalizadas as obras do novo centro de saúde do Saviñao

RibeiraSacraXa
A nova infraestrutura sanitaria ten 182 metros cadrados máis que a actual, o que permite incorporar servizos.
casa concello escairón saviñao
5 Xuño 2021

As obras de construción do novo centro de saúde de Escairón (O Saviñao) están rematadas. Nelas destinouse un orzamento de 1,1 millóns de euros (a execución foi adxudicada por 1.125.135 euros). Actualmente, só resta realizar os axustes da instalación eléctrica e as conexións informáticas para poder iniciar o proceso de posta en marcha.

O novo ambulatorio ten 182,67 metros cadrados máis de superficie que o actual -pasa de 562 metros cadrados a 745 -, o que permitirá incorporar servizos como unha sala de toma de mostras e unha consulta de enfermería pediátrica. Como novidade, tamén se habilitou unha sala de estar do persoal e noutro espazo diferenciado os vestiarios.

O inmoble, de planta baixa, está ubicado no núcleo urbano de Escairón, nunha parcela de 2.060 metros cadrados que fai esquina entre as rúas Valle Inclán e Mercado. No deseño tivéronse en conta criterios de integración na contorna.

A área médica consta de sete consultas, tres de medicina, outras tantas de enfermería e unha polivalente. Na zona pediátrica dispón dunha consulta de Pediatría e outra de enfermería.

O acceso faise a través dun vestíbulo amplo no que se atopan o mostrador de recepción, os aseos públicos e a área de espera. O inmoble tamén dispón dunha sala de reunións para o persoal e  zona de arquivo de historias clínicas.

0.099119186401367