Finalizadas as obras de mellora do parque infantil do CEIP A Gándara, en Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este martes o remate da reforma completa da área do parque infantil do CEIP A Gándara que xa pode ser utilizada polos nenos e nenas do colexio.
Trala supervisión das obras este venres pasado, polos responsables da mesma, e tras proceder a retirar as vaias protectoras do espazo de parque que foi reformado, o parque infantil do CEIP A Gándara, quedou preparado para ser utilizado polos nenos e nenas do centro.
Tal e como recolle a memoria do proxecto, a vida útil do espazo que había, estaba esgotada e resultaba necesaria unha reforma de calado tanto para repoñer os elementos de xogo, como para adaptar a superficie que ocupan, á normativa vixente.
A solución proposta, fixo necesaria facer obra civil de certo calado, para que o parque infantil resultante cumpra coa normativa vixente e ó mesmo tempo, garanta a completa seguridade de todos os alumnos do centro durante o seu uso.
As actuacións a acometer mais importantes, consistiron en dotar de pavimento de caucho continuo de dúas capas á zona destinada a parque infantil, previa execución de solera de formigón de 12 cm de espesor.
Ademais procedeuse á montaxe e instalación do equipamento previsto, que está composto por varios elementos que foron reubicados tras unha posta a punto: balancín de 4 prazas, balancín individual, pérgola, arenero e bancos e novos elementos que se instalaron como un tobogán, trepa mixta, dúas unidades de balancín de dúas prazas, unha trepa vertical, un xogo múltiple e unha casita de xogo XXL. Para rematar, instalouse un pavimento de céspede artificial na zona inmediata á pergola como zona de transición.
As actuacións para a renovación integral do parque infantil, supuxeron un investimento de 47.000 euros e José Tomé declarou que a pesar de ser un importe moi elevado para unha obra que non lle corresponde facer ó Concello, está moi satisfeito co resultado final non só porque queda unha zona de xogos e recreo moi completa e confortable, senón sobre todo, pola seguridade que ofrece para todos os nenos e nenas do centro.