Feijóo presidiu a sinatura do PXOM do Concello de Folgoso do Courel
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o avance de Galicia na aposta polo urbanismo responsable, con 111 municipios cun plan xeral de ordenación municipal actualizado; “ou o que é o mesmo, un millón de galegos viven ao abeiro dun plan que lles garante un urbanismo seguro”, abundou.
Durante a sinatura da aprobación definitiva do PXOM do Concello de Folgoso do Courel, Feijóo resaltou que hoxe só hai 15 concellos sen planeamento, “aos que lles facilitamos se o precisan o 100% do custo do planemento” aseverou.
“Isto quere dicir que nos últimos anos demos pasos moi significativos para acadar un urbanismo cun corpus normativo adaptado aos novos tempos e desafíos “, recordou, salientando que coa aprobación definitiva do seu plan, Folgoso do Courel abre unha nova etapa, cunha ordenación urbanística con capacidade para tutelar o asentamento de ata 1.400 veciños durante, polo menos, as vindeiras dúas/tres décadas.
“Estamos a falar dun plan que será un piar indiscutible ao servizo do concello para: ordenar o territorio de xeito equilibrado, incluídos os núcleos rurais; protexer os lugares de Seceda e Froxán, declarados BIC como Lugares de interese etnográfico; contribuír a fixar poboación no rural; fomentar o uso de vivendas baleiras; potenciar o turismo natural e facelo compatible co resto de actividades económicas”, explicou.
Plan estratéxico dos Ancares-O Courel
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta referiuse a este municipio como exemplo do que significa a aposta pola sustentabilidade e o medio ambiente. Así, Folgoso do Courel é o segundo concello de Galicia con máis superficie incluída en espazos protexidos -18.500 hectáreas-; pertence ao Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, o primeiro e único da Comunidade; e forma parte da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e do Courel.
“E, nas vindeiras semanas, activaremos o Plan estratéxico dos Ancares-O Courel para impulsar todo o potencial da natureza, a paisaxe, a etnografía e a economía destas dúas zonas emblemáticas”, anunciou, precisando que esta folla de ruta para os vindeiros cinco anos abrangue a case o 30% da Rede Natura 2000, estará dotada con 3 millóns de euros e incluirá a unha ducia de concellos.
Feijóo concluíu referíndose tamén ao compromiso de licitar entre finais deste ano e principios de 2022 o primeiro tramo da vía LU-651 que une Ferrería Vella con Seoane do Courel, cun investimento de 3 M€, e de levar a cabo a construción da área recreativa de Mogoxe, cun investimento de 300.000 euros, así como a creación dun mercado de produtos agroalimentarios