FEGADACE pon en valor o Proxecto Rumbo, que pode chegar a atender a un núcleo de poboación na Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
FEGADACE pon en valor o Proxecto Rumbo, que pode chegar a atender a un núcleo de poboación na Ribeira Sacra
FEGADACE Proxecto Rumbo
7 Feb 2023

O 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', a iniciativa colaborativa desenvolvida entre distintas confederacións da discapacidade e o seu tecido asociativo (COCEMFE, ASPACE, PREDIF, FEGADACE e AUTISMO ESPAÑA) xa se está asentando en Galicia e desde a Federación de Dano Cerebral de Galicia indican que queren formar un núcleo de persoas na Ribeira Sacra.

Este proxecto, que conta coa participación de 22 entidades destas confederacións repartidas en cinco comunidades autónomas, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

No caso de Galicia, son catro as Federacións que están impulsando este servizo: FEGADACE, COGAMI, ASPACE e a Federación de Autismo. A directora de FEGADACE, Begoña Hermida, sostén que estas asociacións, en colaboración, fixeron un mapeo detallado dos recursos sociosanitarios en Galicia para saber que se necesita e que contactaron cos servizos sociais, centros de saúde e farmacias.

Así, na zona do sur de Lugo saben que hai un grupo de persoas con dano cerebral adquirido que están interesadas en este servizo, polo que se levarán a cabo as medidas necesarias para poñelo en marcha.

Necesidades das persoas con dificultades ou diversidade funcional

O obxectivo, como describe a directora de FAGADACE, "é impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e á vida independente de persoas con dano cerebral adquirido mediante servizos e recursos que poidan facilitar unha forma de vida inclusiva na sociedade en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar".

Este proxecto, explica, é un programa piloto que busca transformar a vida das persoas con dano cerebral e promover a súa independencia a máximo posible, evitando a institucionalización dos colectivos máis dependentes, que acaban en residencias de maiores. Por exemplo, comenta, "unha persoa de 50 anos que sufrira un ictus, debería conseguir ter unha vida, en vez de en centros en contra da súa vontade".

Co Proxecto Rumbo, argumenta, inténtase que a persoa "reciba a atención sociosanitaria necesaria e que poida participar na comunidade e na súa contorna da man da carteira de servizos na súa localidade".

Actuación do Proxecto Rumbo

O Proxecto empezou en 2022 e ten como finalidade dar un servizo de atención continuada ás persoas que o requiran una ou dúas veces por semana ata 2024.

Baséase en 8 liñas de traballo que poden levarse a cabo desde unha entidade concreta ou na colaboración de varias ou incluso todas para "dar resposta ás necesidades comúns a diferentes características, pero actuando de forma especifica segundo as súas capacidades", explica Hermida.

O obxectivo das liñas de traballo, argumenta, é "a prestación de servizos sociosanitarios de proximidade para garantizar a autonomía persoal a través de terapia ocupacional, a educación social, etc. É dicir, levar servizos terapéuticos aos lugares onde hai menos acceso, nun contexto rural".

Neste contexto, o Proxecto Rumbo impulsa actividades formativas coa persoa e a súa contorna, propostas de accesibilidade na vivienda, impulsar a participación comunitaria e programas de ocio inclusivo para facilitar a vida independente "o máximo posible".

Contexto da Ribeira Sacra

Begoña Hermida defende que desde FEGADACE xa contactaron con concello do sur de Lugo como A Pobra do Brollón, Pantón, Sober, Chantada e Monforte para enfocar este servizo deste o Hospital Comarcal de Monforte de Lemos.

A intención é coñecer as necesidades específicas dos habitantes do ámbito rural e facer un núcleo de persoas con dano cerebral para ter un grupo e atender ás persoas para que sirva a experiencia e comparar resultados co fin de sistematizar este recurso e darlle continuidade.

0.18859791755676