Extinguidos dous lumes en Ourense mentres a situación empeora na Pobra do Brollón e Quiroga

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
A proximidade do lume forestal ás vivendas levou á Xunta a activar a protección de tres núcleos de poboación na provincia lucense, onde se quemaron nun día 600 hectáreas
incendio-a-pobra-do-brollon
26 Aug 2025

A Consellería do Medio Rural fixo balance esta mañá da situación dos incendios forestais en Galicia, con datos recompilados ata as 08:30 horas. O parte destaca a extinción dos lumes de Vilardevós-Moialde, Riós-Fumaces e A Trepa, Riós-Trasestrada e Vilaboa-Santa Cristina de Cobres, así como o empeoramento da situación en A Pobra do Brollón-Abrence, onde a superficie quemada xa supera as 600 hectáreas.

Neste momento, os incendios máis preocupantes en Galicia son tres: o da Pobra do Brollón (Lugo), o de Avión (Ourense) e o de Carballeda de Valdeorras (Ourense).

A Pobra do Brollón-Abrence continúa activo desde onte, obrigando a activar a Situación 2 pola proximidade a varios núcleos habitados. Trátase de Golmar, situado na parroquia de Abrence (A Pobra do Brollón), e de Conceado e San Pedro, pertencentes a Quintá de Lor (Quiroga). O lume afecta arredor de 600 hectáreas e mobilizou de xeito acumulado 5 técnicos, 19 axentes, 23 brigadas, 28 motobombas, 4 pas, 4 helicópteros e 10 avións, ademais de efectivos da UME.

A proximidade do lume forestal ás vivendas levou á Xunta a activar a protección deses tres núcleos de poboación. Os veciños saíron das súas vivendas de xeito preventivo polos seus propios medios durante as tarefas de extinción, mais polo de agora non se rexistraron confinamentos ou evacuacións relacionados con este lume. As forzas da orde e os servizos de emerxencias están monitorizando a situación en todo momento.

Pola súa parte, o incendio de Carballedo-A Cova permanece controlado desde o domingo, tras queimar unhas 100 hectáreas.

En Ourense segue vixente a Situación 2 en toda a provincia, para axilizar o despregamento de recursos.

O lume máis grave é o de Carballeda de Valdeorras-Casaio, que segue activo desde as 18.42 horas do luns 18 e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 4.700 hectáreas. Entrou en Galicia dende Castela e León e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 48 axentes, 86 brigadas, 39 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 11 avións.

Por outra banda, desde as 17.09 horas do domingo está activo un lume no concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, que afecta unha superficie estimada de arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 3 técnicos, 20 axentes, 35 brigadas, 20 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 6 avións.

Varios focos de gran magnitude, como os de Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso, Larouco, Oímbra, Xinzo de Limia, A Mezquita, Carballeda de Avia ou Beade, están estabilizados tras afectar a decenas de miles de hectáreas.

Tamén permanecen controlados os incendios de Montederramo-Paredes e Maceda (Santiso e Castro Escuadro), o primeiro con 120 hectáreas arrasadas e o segundo con 3.500.

Na parte positiva, a Xunta decreta como extinguidos os lumes de Vilardevós-Moialde (con 1.102 hectáreas queimadas), Riós-Fumaces e a Trepa (130 has) e Riós-Trasestrada (33 hectáreas).

O incendio de Vilaboa-Santa Cristina de Cobres, en Pontevedra, quedou extinguido onte á noite tras queimar máis de 72 hectáreas de arborado.

A Xunta lembra que segue dispoñible o 085 para comunicar a aparición de lumes e o 900 815 085 para denunciar de forma anónima actividades incendiarias.

⚙ Configurar cookies
0.16100883483887