Extinguido o lume de Folgoso do Courel, con 300 hectáreas calcinadas

RibeiraSacraXa
O incendio iniciárase na madrugada do xoves e obrigou nalgún momento a activar o nivel 2 por prevención ante a proximidade a núcleos de poboación.
folgoso courel incendio forestal lume
3 Abr 2021

O incendio forestal que nos últimos días afectou ao concello de Folgoso do Courel quedou extinguido a última hora da tarde deste venres, despois de calcinar preto de 300 hectáreas.

O lume iniciárase na madrugada do xoves na parroquia de Meiraos, e durante a xornada chegouse a activar o nivel 2 como medida preventiva pola proximidade das lapas ao lugar de Portela, na parroquia de Gundriz, en Samos. No lugar traballaron 11 axentes, 27 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 6 helicópteros e 4 avións.

Despois de conseguir controlar o incendio, sobre as 20.00 horas do xoves, medios terrestres seguiron a traballar na zona afectada para evitar que se reproducisen as lapas, algo ao que tamén contribuíu a chuvia caída durante a xornada.

Segundo as últimas estimacións, a superficie total afectada foi de 299,85 hectáreas, das cales 105 foron arboradas e 194,85 de monte raso.

Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de Twitter: @incendios085.

0.18785095214844