Expertos en cancro de colon cítanse en Monforte na Reunión de Consenso do SOCIGA
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde deste venres a Reunión de Consenso do Grupo Galego de Coloproctoloxía da Sociedade de Cirurxía de Galicia (SOCIGA) que acolle este sábado, 16 de novembro, o Parador de Turismo e que xira arredor da investigación sobre o cancro de colon.
Esta importante reunión de médicos, sanitarios e investigadores aborda, a través de diferentes conferencia e mesas redondas diferentes aspectos sobre a cirurxía do cancro de colon, planificación preoperatoria, tipo de tumores ou tratamento de pacientes, entre outros temas.
Na inauguración, o rexedor monfortino estivo acompañado polo Presidente da Asociación Española de Coloproctoloxía, o doutor Alberto Parajó Calvo e a Coordinadora do Grupo Galego de Coloproctoloxía, a doutora Olga Maseda Díaz.
O Alcalde deu a benvida ós poñentes e asistentes de diversas cidades de Galicia e España, e manifestou ó seu apoio a este tipo de encontro pois “dende o Equipo de Goberno deste Concello mantemos un compromiso e unha aposta firmes pola Sanidade Pública, porque cremos que, os servizos públicos básicos, como é a Sanidade, son a garantía dos dereitos das persoas”.
O rexedor municipal aproveito a súa intervención para animar aos asistentes a gozar de Monforte e da Ribeira Sacra e descubrir a súa riqueza cultural, patrimonial, paisaxística e gastronómica.
Neste senso, José Tomé, salientou que “para o Concello de Monforte é unha satisfacción, poder volver a acoller na nosa cidade reunións e congresos desta índole, pois non so traen coñecementos, tan necesarios para a saúde dos nosos cidadáns, senón que tamén xeran actividade entorno á hostalería e ó comercio, e permítennos dar a coñecer o encanto da nosa terra”.
Segundo os datos do Observatorio do Cancro da Asociación Española Contra o Cancro, estímase que en España diagnosticárnose 40.203 novos casos de cancro colorrectal en 2023, converténdose así no tumor máis frecuentemente diagnosticado no noso país, considerando ambos os sexos.
Trátase do segundo tumor máis frecuente en homes despois do de próstata e o segundo en mulleres despois do de mama, sendo a súa incidencia lixeiramente maior en homes que en mulleres. En conxunto, o cancro colorrectal supón case o 15% de todos os tumores diagnosticados en 2023.
O cancro colorrectal supón a segunda causa de morte por cancro, só por detrás do cancro de pulmón. Segundo os datos deste Observatorio do Cancro en 2023 faleceron por mor do cancro colorrectal 15.385 persoas.
“Polo tanto, os avances que acaden dende a súa especialidade son fundamentais para a nosa sociedade, tanto no tratamento como na prevención deste tipo de cancro. Polo que, cada reunión que vostedes leven a cabo, será sempre unha boa noticia para todos nós como cidadáns que creemos na sanidade e na investigación públicas”, salientou o alcalde.
Concluíu a súa intervención José Tomé, desexando “que esta reunión serva para avanzar nos traballos de investigación e de coñecemento que permitan avanzar na prevención e na curación desta enfermidade”, e recoñecendo a labor destes médicos, sanitarios e investigadores “porque sabemos do enorme mérito do traballo que levan a cabo, moitas veces invisible, pero sempre necesario e insubstituíble”.