Éxito de participación no circuíto de obradoiros de cociña de outono organizado nas parroquias de Monforte

RibeiraSacraXa
As actividades desenvolvéronse entre o 21 de novembro e o 5 de decembro en Santa Mariña, Seoane, A Penela, Distriz, Chao do Fabeiro e Sindrán
obradoiro-cociña-monforte
7 Dec 2025

O Concello de Monforte celebra a alta participación rexistrada no circuíto de obradoiros de cociña de outono en formato showcooking, unha proposta que nas últimas semanas percorreu diversos locais sociais das parroquias do municipio. A iniciativa, financiada polo propio Concello e polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, tivo como obxectivo favorecer a dinamización do rural e crear espazos de encontro para a veciñanza.

Entre o 21 de novembro e o 5 de decembro celebráronse sesións en Santa Mariña, Seoane, A Penela, Distriz, Chao do Fabeiro e Sindrán. En todas elas, un chef profesional elaborou en directo diferentes receitas con produtos propios desta época: cogomelos, castañas, ingredientes locais e outros sabores do bosque. Durante as sesións, de dúas horas de duración, os asistentes puideron coñecer técnicas culinarias, resolver dúbidas e, ao finalizar, degustar as tapas preparadas.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, expresou a súa satisfacción polo resultado do programa. “Con estes obradoiros que se desenvolveron nos locais sociais acadamos o dobre obxectivo de dinamizar o rural e de poñer en valor o territorio e a nosa riqueza gastronómica, enchendo os locais sociais das parroquias, por iso desde o Concello queremos agradecer aos veciños e veciñas a súa participación”, sinalou.

O circuíto, que comezou o 21 de novembro en Santa Mariña do Monte e concluíu o 5 de decembro en Sindrán, permitiu reforzar a vida comunitaria no rural e puxo en valor os produtos de tempada como base dunha gastronomía sostible e vinculada ao territorio.

0.25306701660156