Éxito de participación na xornada inaugural de "Montes de Saberes" no Saviñao

RibeiraSacraXa
A cita contou cunha destacada participación de expertos e representantes do ámbito rural
Xornada “Montes de Saberes”
Xornada “Montes de Saberes”
24 Jan 2025

O Saviñao foi o escenario da primeira xornada de 2025 das Comunidades de Aprendizaxe “Montes de Saberes”, un encontro enmarcado no proxecto Comunidades de Aprendizaxe Rurais Sostibles de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus e a Fundación MAPFRE. A cita contou cunha destacada participación de expertos e representantes do ámbito rural.

O evento reuniu a relatores de renome como Francisco García, da Fundación Juana de Vega; Alberto Molares, asesor técnico de Enxeñeiros Sen Fronteiras e socio da Fundación Galicia Verde; e Daniel Diéguez, especialista en dinamización e facilitación. Durante a xornada abordáronse diversas iniciativas e proxectos clave para a sostibilidade e o desenvolvemento do medio rural galego.

Un dos temas destacados foi o proxecto Caprif-CC, xunto coas posibles sinerxías de colaboración entre as comunidades de montes. Tamén se presentou a Rede Galega de Áreas Conservadas por Comunidades Locais, liderada pola Fundación Montescola. As persoas asistentes debatiron sobre boas prácticas para unha transición ecosocial adecuada dos montes, centrada en actividades que beneficien ás comunidades veciñais da zona.

Conclusións e propostas

Grazas ao labor de facilitación de Daniel Diéguez, as persoas participantes identificaron diversas liñas de acción prioritarias:

  • Organización de reunións para presentar proxectos das CMVMC (Comunidades de Montes Veciñais en Man Común) a fundacións e institucións que apoien o desenvolvemento rural.
  • Formacións específicas sobre temas clave como pragas, eliminación de especies invasoras como as acacias, certificación forestal e xestión eficiente dos montes.
  • Visitas de intercambio a comunidades galegas con casos de éxito que poidan servir de inspiración.
  • Promoción de feiras de intercambio rural, para fomentar o intercambio de experiencias e recursos na zona.

Así mesmo, destacou a necesidade de crear un centro de transformación colaborativo que impulse a produción local de mel e produtos de cosmética, entre outros. Ademais, puxéronse de manifesto a importancia de establecer colaboracións con entidades como Enxeñeiros Sen Fronteiras e a Fundación Galicia Verde.

0.19245910644531