Éxito de participación na I Andaina Solidaria Noite de Estrelas en Quiroga

RibeiraSacraXa
A cita reuniu a preto de 350 persoas para apoiar á Asociación Española Contra o Cancro
noite-de-estrelas-quiroga
I Noite de Estrelas de Quiroga
9 Aug 2025

Preto de 350 persoas participaron na primeira edición da Noite de Estrelas, unha andaina nocturna solidaria organizada polo Concello de Quiroga para apoiar á Asociación Española Contra o Cancro. O evento, promovido desde a área de deportes, naceu como unha iniciativa similar ás populares Night Trail e Night Run, pero desta vez enfocada exclusivamente na modalidade de andaina.

A inscrición tiña un prezo de 5 euros para adultos e 3 euros para menores de 15 anos, e a recadación íntegra, que ascendeu a 1.487 euros, foi entregada á representante local da Asociación, M. Carmen Aira, mediante un cheque simbólico.

A saída realizouse desde a Praza de España, seguindo pola rúa Real ata a Praza Maior. Os participantes percorreron un trazado duns 7 quilómetros, de nivel fácil, que pasaba por Pacios de Mondelo, o Camiño do Regueiral, a Ermida e San Vitoiro, para logo subir á pista do Monte da Conchada. A volta realizouse pola zona da Praza Maior, ofrecendo aos andantes unha agradable visión nocturna do concello.

O percorrido completouse nunha duración aproximada de dúas horas, e a iniciativa foi valorada moi positivamente tanto polos participantes como pola organización, que xa pensa en futuras edicións.

 

⚙ Configurar cookies
0.048468112945557