Estudantes chantadeses plantan un cento de árbores polo Día Internacional dos Bosques

RibeiraSacraXa
Alumnado dos IES Lama das Quendas e Val do Asma participou nesta iniciativa contribuíndo a reforzar as zonas verdes do municipio
estudantes-chantada-dia-da-arbore
28 Mar 2026

O Concello de Chantada, a través da concellaría de Parques e Xardíns e en colaboración cos IES Lama das Quendas e Val do Asma, levou a cabo unha nova campaña de plantación de árbores coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Bosques, conmemorado o pasado 21 de marzo.

A iniciativa incluíu a retirada previa de exemplares afectados por enfermidades que finalmente secaran, traballos realizados pola brigada municipal de parques e xardíns antes de proceder ás novas plantacións.

O obxectivo desta actuación é, segundo explicou o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, concienciar á poboación máis nova sobre a importancia de coidar o contorno natural e manter as zonas verdes do municipio. Neste sentido, sinalou que “las nuevas plantaciones se hacen en el entorno del paseo fluvial o de las piscinas municipales con el objetivo de mantener estos pulmones verdes de Chantada y sensibilizar a la gente joven sobre la conservación de estos espacios”.

Como en edicións anteriores, o Concello impulsa este tipo de actividades nestas datas, incorporando novas especies arbóreas en distintas áreas verdes. Nesta ocasión plantáronse exemplares como quercus palustris, serbais, faias, acivros ou amieiros, e sumouse como novo espazo de actuación a área recreativa do barrio de Marín, executada polo obradoiro de emprego municipal.

Na actividade participaron arredor de 70 estudantes, que puideron coñecer as características das distintas especies e recibir formación básica sobre técnicas de plantación e mantemento de árbores.

Con esta iniciativa, o Concello de Chantada busca contribuír ao mantemento e mellora dos espazos verdes do municipio, ao tempo que fomenta a educación ambiental entre a mocidade e promove a conservación do medio natural.

0.12553715705872