Esther Mariño, psicóloga do CIM de Quiroga, nova convidada no Faladoiro

RibeiraSacraXa
Neste caso, analizarase como a aceptación pode transformar a forma de relacionarnos con nós mesmos e cos demais
O-Faladoiro-Quiroga
23 Out 2024

O vindeiro mércores, 30 de outubro, haberá unha nova sesión do Faladoiro na Biblioteca do Centro Social de Quiroga, que contará cunha nova convidada, Esther Mariño, psicóloga do Centro de Información á Muller do Concello de Quiroga.

O Faladoiro está organizado dende o departamento de Servizos Sociais do Concello de Quiroga e nesta xuntanza explorarase un tema fundamental na vida: a aceptación, pero non como sinónimo de resignación, se non como recoñecemento da realidade que nos permite medrar e atopar a paz.

Contando con Xosé Manuel Fernández, concelleiro de Servizos Sociais, como moderador, analizarase como a aceptación pode transformar a forma de relacionarnos con nós mesmos e cos demais, tendo presente a premisa de 'Escoitar e falar, para aprender e medrar'.

Esther Mariño comezou a súa andaina profesional na pandemia do coronavirus, e esa experiencia ensinoulle a importancia da resilencia e a conexión humana en tempos de crise. No que respecta á súa traxectoria profesional, ofreceu apoio emocional e psicolóxico na Asociación Xanela; traballando na inclusión á sociedade de colectivos desfavorecidos; e na Clínica Nós de Monforte, acompañando a persoas adultas no seu proceso psicolóxico e a nenos e nenas con diversos problemas. Dende hai un tempo está no CIM de Quiroga, onde traballa pola igualdade e axuda a moitas mulleres con diferentes problemáticas.

Os faladoiros desenvólvense os derradeiros mércores de cada mes na Biblioteca do Centro Social. Trátase dun espazo aberto á veciñanza para a socialización, o coñecemento e a participación cidadá, onde tras unha breve presentación da persoa convidada, unha charla co moderador introduce un tema no que os participantes poden intervir con preguntas ou contando as súas propias experiencias.

0.19060492515564