Este venres celébrase o Día da Xuventude en Chantada
O Día da Xuventude de Chantada celebrarase este venres, 31 de maio, na praza diante do polideportivo municipal, en horario de 16.00 a 21.00 horas. O evento é un programa promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que se desenvoverá en distintos concellos durante as próximas fins de semana en horario de tarde.
A actividade está dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 35 anos, e contarase tamén cun espazo de construcións para nenos e nenas de 6 a 12 anos.
Durante a tarde do venres levaranse a cabo distintas actividades e obradoiros de educación non formal que teñen como obxectivo sensibilizar, entreter e formar á mocidade, así como dar a coñecer outras actividades da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Rematarase coa actuación dunha formación ou artista local que nesta ocasión sae das escolas de música, trátase do cuarteto de saxofóns Albeiro Ardoa que ofrecerá un concerto a partir das 20.30 horas. Todas as actividades son de balde e están abertas a toda a mocidade interesada.
“Será unha tarde de moito ambiente en Chantada onde a mocidade será protagonista. Nesa xornada celébrase tamén un Campionato de Fútbol Sala que concentrará a moitos nenos e nenas no Polideportivo Municipal e na contorna, con este Día da Xuventude”, destaca Belén Vázquez, concelleira de Deportes, Educación e Xuventude.
As actividades e obradoiros a desenvolver no Día da Xuventude son gastronomía saudable, cunha demostración culinaria e cocteis sen alcohol; lecer educativo, con futbolín humano, tiro con arco e espazo de construcións; un punto informativo con información para a mocidade; concienciación ambiental cun xogo de escape e realidade virtual; expresión artística, cun obradoiro de arte colaborativo; educación en igualdade de xénero, no que se tratarán tipos de violencia e cimentos en xogo, e fomento das habilidades para a empregabilidade, con recursos e kahoot.