Carballedo prepara un Nadal cheo de actividades

RibeiraSacraXa
Este sábado, 20 de decembro, Papá Noel fará unha visita aos nenos e nenas da vila
nadal-carballedo
16 Dec 2025

Carballedo prepárase para vivir un Nadal cheo de actividades para todas as idades. O día 20 de decembro será especialmente destacado, coa visita de Papá Noel, unha representación teatral a cargo dos nenos e nenas do municipio, e un Mercado de Nadal que inclúe exposicións do Taller de Memoria, do Punto de Atención á Infancia e da Residencia de Maiores. Ademais, durante o mercado poderanse ver e votar as fotografías enviadas polas Mulleres Rurais de Carballedo ao enderezo electrónico do Concello. A xornada rematará cun momento de chocolate con churros acompañado de panxoliñas.

O 21 de decembro ás 19:00 horas terá lugar o monólogo “Contar”, interpretado por Celso Fernández Sanmartín, unha actividade aberta a todos os públicos. Os días 22 e 23 celebrarase o Campamento Dixital, destinado a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos, que se desenvolverá na aula CEMIT.

Xa en xaneiro, o día 4, coincidindo co Día dos Reis Magos, realizaranse dúas sesións de bingo solidario, ás 18:00 e ás 18:30 horas, co propósito de recadar fondos para a Asociación “Chantada Contra o Cancro”. Tras o bingo, os Reis Magos visitarán o Concello para compartir coa veciñanza.
As actividades de teatro e monólogo terán lugar no Salón de Actos do Concello, mentres que as exposicións se desenvolverán na Praza Víctor Portomeñe, contando cunha carpa en caso de mal tempo.

⚙ Configurar cookies
0.07673716545105