Este fin de semana Coureleando organiza unha ruta de dous días pola Serra do Courel

RibeiraSacraXa
Este fin de semana Coureleando organiza unha ruta de dous días pola Serra do Courel que incluirá ver a zona de filmación de 'As Bestas'
Serra do Courel
2 Mar 2023

Coureleando organiza unha ruta de dous días para esta fin de semana, 4 e 5 de marzo pola Serra do Courel.

A actividade, que é de dificultade media/baixa, será guiada polo técnico deportivo de media montaña Guillermo Díaz.

Comezará ás 09.30 horas do sábado no Bar O Mirador do Folgoso do Courel e terá un prezo de 15 euros por persoa se as persoas interesadas queren participar só o sábado ou o domingo e un prezo de 20 euros se queren ir os dous días.

Os menores de 8 a 15 anos que irán acompañados dos seus pais poderán participar desta actividade de balde.

Programa das rutas

O sábado os participantes andarán 15 quilómetros cunha pendente de 400 metros e contemplarán a paisaxe das Taras de Visuña, así como as vistas ás calizas cámbricas. Tamén camiñarán sobre algunhas das rochas máis antigas de Galicia e visitarán a Ferrería de Órreos.

Esta actividade de xornada completa servirá para que os participantes vaian por unha ruta por vales de Galicia con xeoloxía, natureza e cultura tradicional na que, ademais, haberá un tempo para ver a paisaxe da rodaxe de 'As Bestas'.

Pola súa parte, o domingo as persoas interesadas percorrerán 9 km cunha pendente de 200 metros pola ruta do Castro de Vilar con especial parada para a interpretación do castro.

Desde Coureleando piden ás persoas que vaian participar que leven botas de monte, bastóns, mochila con auga, comida para picar, roupa cómoda e abrigada.

Para anotarse, hai que mandar unha mensaxe ao número 626 64 30 21.

Ruta Coureleando
0.15618085861206