Este domingo empezan as Festas Patronais de Monforte con múltiples actividades

RibeiraSacraXa
José Tomé Roca subliñou que “todos os concertos e actividades das Festas e do Verán Cultural serán de carácter gratuíto, cunha gran variedade de estilos e propostas"
patronais_monforte
10 Ago 2024

Comezan as Festas Patronais 2024 este domingo e ata 16 de agosto na cidade do Cabe. “Unhas Festas Patronais que manteñen a esencia que tiveron nos últimos 9 anos, con 6 concertos principais, acompañados de orquestras que farán un previo e un posterior peche das actuacións tratando de que o horario musical das festas co carácter xeral, se inicie ás 22.30-23.00 horas e remate arredor das 4.00 da madrugada”, indicou o rexedor monfortino.

O alcalde recordou que foi no mes de maio cando se anunciaron os concertos musicais das festas e sinalou que “estamos convencidos de que os concertos programados van ser capaces de encher o recinto das Festas, debido á calidade das actuacións e tamén debido ó variado dos estilos musicais”.

O inicio das Festas terá lugar o 11 de agosto coa lectura do Pregón, a cargo da enxeñeira de Camiños, Canais e Portos Isabel Pardo de Vera Posada.

Tras o lanzamento do foguete e o acendido da iluminación artística, como é habitual, haberá unha actuación musical, na praza de España, a cargo da monfortina Rosa Cedrón, acompañada pola pianista Juanjo Fernández e polo violinista Javier Cedrón.

Durante a celebración das Festas Patronais, terán lugar as actuacións, entre outros, do grupo de batucada Os Xograres de Lemos, a Orquestra de Música do Conservatorio do Concello de Monforte, o grupo de batucada Creativa, o grupo Os Parentes, a Asociación Amigos da Pandeireta de Monforte, a Banda de acordeóns O Folión, o grupo de batucada Baturruca, e o grupo Gaitucada Aikirindo que amenizarán coas súas actuacións as tardes e noites dos días 12, 13, 14, 15 e 16 de agosto.

Mostra de Danza e Música Tradicional

O xoves 15, Día da Patroa, a Virxe de Montserrat, terá lugar na igrexa de San Vicente recuperando así a tradición de celebrala neste tempo, unha vez rematadas as actuacións de mellora que se fixeron na mesma. A comitiva institucional encabezada polo alcalde sairá do Campo de San Antonio ás 10.30 horas. e a misa celebrarase ás 11.00 horas.

Tamén ese xoves 15 de agosto terá lugar o Día do Gaiteiro, no que alboradas de grupos de gaitas sairán pola mañá e percorrerán diferentes rúas da cidade.

Pola tarde, na Praza de España terá lugar a Mostra de Danza e Música Tradicional na praza de España. En ambos casos, a maioría de grupos de gaitas e de danza son de Monforte. Pola noite, antes dos Fogos de San Vicente e as actuacións musicais, as Barcas tradicionais engalanadas farán un percorrido polo río Cabe, a partir das 23.30 horas.

O Programa das Festas tamén inclúe a décima edición do Festival Cómico Festivo 'A Rúa é Vosa', os días 12, 13, 14 e 16 de agosto, e terá como escenarios a Praza de España e a rúa Cardeal.

O programa deste festival contará coa participación de 6 grupos, e os protagonistas serán a música, a maxia, as acrobacias aéreas, os paiasos, os monicreques, o mimo, o circo e a danza.

Referente na comarca

“As Festas de Monforte son algo máis que unhas festas patronais” salientou o rexedor monfortino engadindo que “hoxe xa se fala das Festas de Monforte como un referente non só no sur da provincia, senón tamén en outras moitas zonas de Galicia, e de todo o Noroeste peninsular, e creo que co programa musical que as protagonizarán este ano, vas supor un rotundo éxito para o noso Concello. Por iso espero que sexan moitos os galegos e galegas que visiten Monforte atraídos pola calidade dos nosos concertos”.

“En resumo”, concluíu o alcalde, “creo que este ano, as Festas Patronais teñen de novo un programa musical excelente, á altura dos últimos anos, tanto no que se refire ós concertos, como o que se refire ás orquestras que acompañan ás actuacións principais. En resumo, creo que o Programa que elaboramos para as nosas Festas Patronais deste ano 2024 e para o noso Verán Cultural, é un moi bon programa que pretende que as Festas Patronais sexan cada vez máis as festas de todos, que traspasan o noso ámbito”.

As festas de todos tamén se escenifican no alumeado, onde se van colocar 269 arcos en 63 rúas que abarcan todos os barrios da cidade. Son 14 arcos máis que en 2023, e suporán a iluminación a través de 1 millón de luces LED, similar ás luces de Nadal”.

“Quero trasladarlle ós veciños e veciñas de Monforte e ás persoas que nos visitan, que teñan a certeza de que dende o Equipo de Goberno seguimos apostando pola variedade e pola calidade das nosas Festas, unha liña que iniciamos ao chegar eu a Alcaldía no ano 2015”. José Tomé concluíu a súa intervención desexando a todos os monfortinos e monfortinas unhas felices Festas, e tamén a todos aqueles que visitan o Concello, e animounos a todos a participar e a desfrutar activamente nelas.

Programa

O alcalde recordou o programa de actuacións musicais, que xa foran anunciadas no mes de maio, ás que se engade a actuación do día 10 na praza de España, que non fora anunciada no seu momento.

11 de agosto

20.30 horas. Pregón, a cargo de Isabel Pardo de Vera Posada, na Casa do Concello, logo da intervención institucional do alcalde, José Tomé Roca

22.30 horas. Rosa Cedrón, na Praza de España

12 de agosto

22.30 horas. Grupo América de Vigo, na praza da Compañía

23.00 horas. Orquestra do Conservatorio Municipal Mestre Ibañez, na praza de España

00.00 horas. Orquestra Panorama, na praza da Compañía

02.00 horas. Grupo América de Vigo, na praza da Compañía

03.30 horas. Orquestra Panorama, na praza da Compañía

13 de agosto

23.00 horas. Os Parentes, na praza de España

23.00 horas. Orquestra Costa Dorada, na praza da Compañía

00.00 horas. Concerto de Rozalén, na praza da Compañía

01.30 horas. Orquestra Costa Dorada, na praza da Compañía

14 de agosto

21.30 horas. Baile-Concerto da Banda d Acordeóns O Folión, na Praza de España

22.30 horas. Grupo monfortino Cool Flanders, na praza da Compañía

00.00 horas. Álex Ubago, na praza da Compañía

01.30 horas. Grupo monfortino Malenne, na praza da Compañía

15 de agosto

20.30 horas. Mostra de danza e música tradicional, na praza de España

23.00 horas. Orquestra Acordes, na praza da Compañía

00.00 horas. Fogos Artificiais dende San Vicente

00.30 horas. Concerto de Álvaro de Luna, na praza da Compañía

02.00 horas. Orquestra Acordes, na praza da Compañía

16 de agosto

23.00 horas. Orquestra Miramar, na praza da Compañía

00.00 horas. Fogos Artificiais de Auga dende o río Cabe

00.30 horas. Concerto de La La Love You, na praza da Compañía

02.00 horas. Orquestra Miramar, na praza da Compañía

0.18647289276123