Estabilizado o incendio forestal en Ribas de Sil
Evoluciona favorablemente o lume iniciado en Ribas de Sil, que tamén afecta os municipios de Quiroga e da Pobra do Brollón. A superficie afectada por este incendio rolda as 1.450 hectáreas, segundo as últimas estimacións. De feito, xa está desactivada a Situación 2, unha medida preventiva declarada inicialmente pola proximidade do incendio ao núcleo de Rairos.
O lume comezou ás 12,47 h. de onte e permanece activo. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 8 técnicos, 18 axentes, 64 brigadas, 24 motobombas, 5 pas, 8 avións e 14 helicópteros. Tamén participan nos labores de extinción persoal e medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Permanece tamén activo o lume iniciado ás 21,42 h. do domingo neste mesmo concello, parroquia de Nogueira. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de arredor de 140 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 6 técnicos, 17 axentes, 35 brigadas, 27 motobombas, 5 pas, 7 avións e 6 helicópteros.
Miteco
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) mobilizou un amplo dispositivo de medios humanos e materiais, a pedimento da Xunta de Galicia, para apoiar na extinción dos dous incendios declarados.
Segundo os datos do Centro de Coordinación da Información Nacional sobre Incendios Forestais (CCINIF), despregáronse catro avións anfibios de gran capacidade (6.000 litros), un avión anfibio de capacidade media (3.000 litros), un helicóptero pesado cunha capacidade de 4.500 litros e un avión de Coordinación e Observación (ACO). Igualmente, interviñeron dúas brigadas de reforzo contra incendios forestais (BRIF) que traballaron día e noite para protexer as poboacións ameazadas polas chamas. As brigadas do MITECO desprazáronse á zona en catro helicópteros cunha capacidade de 1.200 litros.
Evitar riscos
O MITECO lembra que durante os meses de verán débense extremar as precaucións nas áreas forestais e o medio rural en xeral. Ás cautelas ordinarias débense engadir outras para minimizar riscos de incendio.
Evitar lanzar cabichas ao chan, non acenda lume no monte e non utilice maquinaria ou ferramentas susceptibles de provocar faíscas que prendan na vexetación. As queimas agrícolas só poderán facerse coa preceptiva autorización da administración competente, sempre coidadosas e coas limitacións que se fixen. E se ve un incendio, avise ao 112.