Estabilizado o incendio de Chandrexa de Queixa e quedan só dous incendios activos en Ourense

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
A situación na provincia de Lugo continúa a mellorar, xa sen chamas e con todos os lumes controlados
monte-quiroga-incendio-forestal
25 Aug 2025

O incendio de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, considerado o segundo máis grande da historia de Galicia, quedou estabilizado por completo ás 13.01 horas deste luns. A día de hoxe só permanecen activos dous lumes en Galicia, ambos localizados na provincia de Ourense, que leva case dúas semanas en Situación 2.

Segundo informou a Consellería do Medio Rural na súa última actualización, na que só se inclúen incendios que superan as 20 hectáreas, o lume iniciado na parroquia de Requeixo (Chandrexa de Queixa) o venres 8 acabou uníndose cos focos declarados o martes 12 en Parafita (Chandrexa de Queixa) e o xoves 14 en Mormentelos (Vilariño de Conso), sendo este último o que se conseguiu estabilizar máis recentemente.

Pola súa banda, o incendio máis novo rexistrado en Galicia comezou ás 17.09 horas do domingo no concello de Avión, na parroquia de Nieva, e afecta xa a unhas 70 hectáreas. Tamén segue activo o lume de Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, que leva calcinadas unhas 4.400 hectáreas despois de propagarse desde a localidade zamorana de Porto, onde se orixinara o pasado xoves 14 de agosto.

Na mañá deste luns, ás 11.36 horas, quedou controlado o incendio de Vilaboa (Pontevedra), declarado o xoves 21 ás 16.37 horas na parroquia de Santa Cristina de Cobres. Este lume arrasou arredor de 70 hectáreas e obrigou a activar o nivel 2 de emerxencia na súa primeira xornada pola proximidade ao núcleo de Vilar.

Ademais, permanecen estabilizados cinco incendios, todos en Ourense: o de Larouco, na parroquia de Seadur, con 30.000 hectáreas queimadas; o de Oímbra e Xinzo de Limia, nas parroquias de A Granxa e Gudín, con 17.000 hectáreas; o da Mezquita, en A Esculqueira, con 10.000 hectáreas; o de Carballeda de Avia e Beade, con 4.000 hectáreas; e o de Vilardevós, en Vilar de Cervos, con 900 hectáreas. O de Larouco tamén afectou a Quiroga, na provincia de Lugo, onde arderon preto de 9.000 hectáreas mantendo en tensión a varias poboacións. Alí a situación está estable, xa sen chamas.

Xunto ao de Vilaboa, tamén se consideran controlados outros seis incendios, cinco deles en Ourense: o de Maceda, en Santiso e Castro de Escuadro, con 3.500 hectáreas; o de Vilardevós, en Moialde, con 600 hectáreas; o de Montederramo, en Paredes, con 120 hectáreas; o de Riós, en Trasestrada, con 40 hectáreas; e outro en Riós, en Fumaces e Trepa, con 100 hectáreas.  Finalmente, na provincia de Lugo, en Carballedo, na parroquia da Cova, está controlado o lume que queimou 100 hectáreas nunha zona de difícil acceso e que tamén tivo en risco a dúas localidades, que finalmente non foron alcanzadas.

⚙ Configurar cookies
0.13806200027466