Esta fin de semana chega o Mercado de Outono a Monforte
O concello de Monforte recupera tras dous anos de ausencia o seu tradicional Mercado de Outono que acolle a Praza de Abastos de Monforte, os días 29 e 30 deste mes.
Un mercado de produtos típicos de outono e artesanía que contará ademais con gastronomía, contacontos musicais, obradoiros e a celebración da festa do Samaín.
O alcalde, José Tomé Roca, destaca que “con esta actividade contribuímos a poñer en valor os produtos típicos do outono. Por outra parte, potenciamos o comercio local e de proximidade, axudando a dinamizar e crear atractivos comerciais”.
No espazo dos Mercados da Praza de Abastos será posible durante toda a fin de semana adquirir produtos de tempada como mel, pementón, cogomelos, castañas, noces, marmeladas, doces, cosmética natural, queixos ou embutidos. En total serán 14 postos de venda directa deste tipo de produtos. O espazo expositivo contará ademais cunha pequena exposición de colmeas e ferramentas apícolas.
Este ano terá lugar unha actuación da banda folión Os Xograres de Lemos na praza de España, prevista para o sábado 29 ás 21.00 horas e na que interpretarán música para bailar.
Este mercado de produtos naturais e típicos de outono abrirá as súas portas o sábado 29 de outubro de 10 a 14 horas e tamén pola tarde, de 17.30 a 20.30 horas. No caso do domingo 30, o seu horario será de 11 a 14 horas.
Actividades para toda a familia
Dentro do Mercado de Outono o Concello programou as seguintes actividades, dirixidas tanto a nenos e nenas coma a público adulto:
O sábado 29 ás 12.00 horas haberá o contacontos de Marta Ortiz Contos, castañas e tea de arañas, ás 1730 terá lugar un obradoiro de cabazas onde os participantes deberán traer a súa cabaza xa baleira para decorala e ás 18:00 será a Festa de Samaín con baile de disfraces, pintacaras, contacontos e modelaxe de barro.
O domingo 30 de outubro ás 12.00 haberá un contacontos co acompañamento musical de Brais das Hortas, con contos cantados e contos tradicionais e ás 19:00 horas será a quenda da banda folión Os Xograres De Lemos coa súa música para bailar na praza de España (esta actuación estaba prevista para o sábado 29 pero foi adiada para o domingo pola previsión de choivas en Monforte).
Circuítos de artesanía e música galega
O Mercado de Outono encádrase no proxecto Circuítos de artesanía e música galega que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura.
Con este programa o obxectivo do Equipo de Goberno de Monforte é impulsar a actividade, a creación, as prácticas nos procesos culturais contemporáneos artesanais, contribuíndo ó coñecemento e ós saberes tradicionais. E, do mesmo xeito, impulsar o sector artesanal como eixe de economía, cultura e identidade dun entorno como a Ribeira Sacra.
Dentro deste ciclo encádranse eventos comerciais, como fórmula tradicional de comercialización, coñecemento e divulgación, xunto con actuacións musicais e obradoiros interxeneracionais.
Ademais deste Mercado de Outono, o Concello de Monforte acollerá tamén a celebración do tradicional Mercado de Nadal, no que se porán á venta produtos de artesanía e agasallos para o Nadal, complementados coa celebración de obradoiros e actuacións musicais.
E dende o Concello tamén se porá en marcha un ciclo de 6 obradoiros artesanais que se dará a coñecer en vindeiras datas, obradoiros en diferentes disciplinas artísticas artesanais propias da cultura e da industria rural galega. Ditos obradoiros terán lugar a partir do mes de novembro tanto nas parroquias rurais do Concello como na Praza de Abastos, cunha duración de 30 horas cada obradoiro.