Esta fin de semana celébrase a XXVIII Mostra de Viños da Ribeira Sacra, Festa de Interese Turístico de Galicia, en Pantón
A XXVIII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, terá lugar estes vindeiros 13 e 14 de maio.
Nesta edición participan 9 adegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudáseis, Nogueiras, Capilla, Saíñas, Don Ventura e Corzoás, e acolleuse a adega Alma das Donas en Pombeiro. A concelleira, Cristina Domínguez, asegurou que a convocatoria ten dous atractivos destacados: a paisaxe do lugar escollido e a presentación dunha das citas máis importantes no calendario do concello de Pantón.
O alcalde, José Luis Álvarez, destacou a importancia desta cita para promocionar o municipio e os seus viños, os únicos con uvas das 3 ribeiras, Miño, Sil e Cabe, como recolle o cartel desta edición.
O rexedor animou á participación, “Invito a quen acostuma visitarnos e a quen queira achegarse a Pantón, a participar da Mostra para gozar cos viños da última colleita no único concello que ten tres ribeiras na D.O. Ribeira Sacra”.
Programa
O sábado comezará coa entrega de premios do VIII Concurso Fotográfico Red Ribeira Sacra – Viticultura Heroica e coa actuación da batucada de Baturruka Monforte, ás 13.15 horas. Despois, xa ás 14.30 horas terá lugar a VI Festa da Empanada no recinto do Castro.
Xa pola noite, as persoas que asistan poderán desfrutar do concerto do grupo América, ás 21.30 horas, que actuarán ata as 23.00 horas, cando será o grupo Malenne o que actúe. Por último, ás 00.30 horas, volverá o grupo América.
Pola súa parte, o domingo 14 de maio, ás 12.00 horas terá lugar a recepción de autoridades no recinto feiral e ás 13.00 horas o xornalista e comentarista deportivo, Tomás Guasch, dará o pregón das festas.
Pola tarde, a partir das 16.30 haberá festa co folión Xograres de Lemos, ao acordeón, e ás 19.00 horas actuará a orquestra Saudade.