Esta fin de semana celébranse as Festas da Madalena en Montefurado, Quiroga
A Asociación Boca do Monte, Os Anguieiros, de Quiroga organiza as Festas da Madalena os vindeiros 20 e 21 de xullo.
Desta maneira, todo comezará o sábado 20 ás 09.00 horas coa Andaina da Madalena, da que se sairá ás 09.00 horas desde a Praza de Montefurado e será de 9 km, percorrendo unha parte do Camiño de Inverno de Santiago na súa etapa A Rúa-Quiroga; pasando por Ivedo e Alvaredos e de volta a Montefurado, para rematar ás 13.00 horas.
Pola súa parte, ás 09.00 horas tamén haberá unha sesión de mindfulness (meditación) ata as 11.00 horas para a que haberá que reservar praza chamando a Natalia, cuxo número é 637 290 204.
Xa ás 19.00 horas haberá xogos infantís e interxeracionais e de 21.00 a 23.00 horas haberá unha merenda popular e foliada co grupo A Cadela Asasina.
Pola súa parte, o domingo 21 a partir das 10.00 horas desenvolverase o XII Campionato de Bolos Celtas, ata as 12.30 horas, momento no que terá lugar a Alborada do grupo Abertal. Xa ás 13.15 horas se celebrará a procesión e misa da Madalena e ás 14.00 horas rematarán as actividades cun aperitivo popular amenizado por Abertal.