Espertamonforte presentará unha moción de control do gasto do servizo da piscina municipal
Espertamonforte acusa ao alcalde de Monforte de “descoñecer ou mentir” sobre o servizo da piscina, xa que din que “non é certo que estea costando menos de 180.000 euros mensuais nin que ese diñeiro sexa para pagar menos polos servizos de piscina”, tal como sostivo o rexedor no pleno.
Por iso, levan unha moción ao vindeiro pleno como control dese gasto de 180.000 euros na xestión da piscina municipal como iniciativa para comenzar a “fiscalizar o gasto e a xesttión do día a día do Concello”, explican.
Ademais, aproveitan a moción para preguntar polos traballadores da piscina e pola situación actual e futura, “xa que non faltan moitos meses para que a piscina municipal peche para a súa total remodelación durante un ano”.
E tamén aproveitan a moción para preguntar pola concesión da piscina e que “non pase o mesmo que o que pasa actualmente coa xestión e limpeza do pavillón municipal”.
Así, conclúen como puntos principais que presentará na moción, que solicitarán a aclaración das afirmacións do alcalde, a aclaración do destino real da partida económica e que o alcalde informe aos monfortinos das acción que ten pensado acometer para o mantemento dos postos de traballo dos traballadores da piscina.