Espertamonforte pide a instalación de pistas de volei praia e a mellora da Casa da Cultura

RibeiraSacraXa
Presentará as súas propostas no vindeiro pleno municipal co fin de mellorar cuestións do municipio
Germán-Vázquez-Esperta-Monforte
22 Maio 2024

Espertamonforte presentará unha moción no vindeiro pleno municipal do Concello de Monforte pola cal pide que o Goberno local constrúa varias pistas de volei praia permanentes, como mínimo dúas, no lugar que se considere máis axeitado.

“Ningúen esquece que Monforte é, desde hai máis de 35 anos, un núcleo moi importante na práctica do voleibol galego, estatal e internacional e que de Monforte saíron xogadoras da Selección Absoluta de España; ademais, celébranse competicións de volei praia na tempada estival, pero non hai lugares para practicala, agás nas pistas que se montan no Parque dos Condes durante unha semana ou en instalacións privadas”, explica Germán Vázquez, portavoz de Espertamonforte.

Por iso, cre que “non hai espazos suficientes para que se poida practicar esta actividade de volei praia en tempo moito máis prolongado, xa que a nosa climatoloxía así o permite. Pero, para elo, hai necesidade de crear espazos permanentes para a súa práctica”, sostén.

Outras peticións

Por parte de Espertamonforte, tamén presentarán no vindeiro pleno unha moción na que instarán ao Goberno local a mercar o edificio da antiga Galería Sargadelos anexo á Casa da Cultura para levar a cabo unha “reformulación da actual disposición e servizo da biblioteca e Casa da Cultura”.

Así, explican que ambas estruturas necesitan unha “revitalización e unha reformulación que garante o seu futuro e garanta un mellor servizo á cidadanía”. Concretamente, sosteñen que a Biblioteca necesita que se lle coloquen tomas de electricidade en cada posto das mesas para poder enchufar ordenadores e dispositivos electrónicos que utilice cada usuario e mellorar a iluminación nas mesas de lectura.

Ademais, cren que é necesario un espazo de lectura de adultos, outro para adolescentes e outro para público infantil; un espazo no que se permita falar e comentar para poder facer traballos conxuntos, promover un espazo infantil de lectura en voz alta e con actividades para eles e promover un espazo para club de lectura.

0.14706778526306