Espertamonforte acusa ao goberno local de bloquear un posicionamento claro sobre o protocolo contra o acoso sexual

RibeiraSacraXa
A formación denuncia que o executivo evitou votar por puntos unha moción clave nun pleno marcado polas acusacións que afectan ao alcalde
casa-concello-monforte
2 Jan 2026

Espertamonforte cargou contra o goberno municipal de Monforte de Lemos polo desenvolvemento do último pleno, no que se debateu unha moción presentada polo grupo e que, segundo denuncia a formación, puxo de manifesto unha falta de compromiso democrático e de rigor institucional por parte do alcalde e do seu equipo. O foco da crítica sitúase na negativa expresa do executivo a permitir que a moción se votase por puntos, unha decisión que, ao seu xuízo, tivo unha consecuencia política clara: impedir que a cidadanía coñecese a posición concreta de cada grupo municipal sobre cuestións de especial relevancia.

Entre elas, Espertamonforte subliña o punto 5 da moción, que instaba a revisar a existencia, a vixencia e a adecuación do protocolo municipal de actuación fronte ao acoso sexual. A formación considera que este apartado era central e non accesorio, especialmente no contexto actual, marcado polas acusacións de acoso sexual coñecidas nas últimas semanas e que afectan directamente ao alcalde. Neste escenario, entende que resulta inaceptable que o goberno municipal optase por non pronunciarse de maneira clara e transparente sobre se o Concello dispón dun protocolo adecuado e se este garante a protección das vítimas e unha actuación dilixente por parte da institución.

Desde Espertamonforte aseguran que a votación conxunta da moción foi unha manobra destinada a diluír responsabilidades políticas e a privar á veciñanza dun debate sereno e honesto sobre unha cuestión que afecta directamente á credibilidade do Concello e á confianza nas súas institucións. A formación insiste en que revisar e reforzar os protocolos fronte ao acoso sexual non é unha opción política, senón unha obriga institucional.

Ás críticas suman tamén a falta de rigor do alcalde na aplicación do regulamento municipal durante o pleno. Segundo relatan, cando outros membros da corporación advertiron da irregularidade que supuña impedir a votación por puntos, a resposta do rexedor foi impropia de quen debe presidir a sesión con neutralidade e respecto, chegando a empregar actitudes que, ao seu entender, degradan o debate democrático.

Espertamonforte conclúe denunciando que non se pode gobernar Monforte ocultando debates incómodos nin utilizando os procedementos plenarios para protexer intereses políticos. Defenden que o pleno municipal debe ser un espazo de transparencia, control democrático e respecto institucional, especialmente cando se abordan asuntos tan sensibles como os mecanismos de prevención e actuación fronte ao acoso sexual, e reclaman institucións á altura do momento actual e capaces de ofrecer respostas claras á cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.07727313041687