Esperta Monforte presenta unha moción para solicitar a reducción do IBI no concello

O grupo municipal Esperta Monforte presentou ao pleno do Concello de Monforte de Lemos unha moción para revisar e reducir os coeficientes impositivos do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), que se sitúa entre os máis altos da provincia de Lugo.
Actualmente, explican, o tipo impositivo para bens inmobles urbanos é do 0,605%, mentres que para os bens rústicos é do 0,380%. Desde Espertamonforte lembran que estes incrementos non foron decisión do actual equipo de goberno, que se mostrou contrario a baixalos, aínda que critican que a carga fiscal segue sendo elevada para moitas familias monfortinas.
O partido defende que os servizos públicos deben financiarse con impostos, pero considera que unha redución do IBI suporía un aforro importante para os veciños. Recoñecen as numerosas inversións realizadas na última década en Monforte, algunhas necesarias e outras que consideran innecesarias, e sinalan que o debate sobre a baixada do IBI non debe usarse como excusa para deixar de realizar obras imprescindibles como o arranxo de estradas, a mellora do alumeado público, a rehabilitación de parques infantís, o mantemento de instalacións deportivas, o cemiterio ou a mellora do polígono industrial.
Doutra banda, critican que proxectos recentes, como a construción dunha macropraia, unha nova pasarela sobre o malecón ou unha fonte monumental, son inversións innecesarias e pouco prioritarias para o municipio.
Por iso, Espertamonforte instará ao equipo de goberno a revisar os coeficientes do IBI para aliviar a carga fiscal sobre os veciños sen que iso afecte a prestación dos servizos esenciais.