Esperta Monforte pide actuar con urxencia para rehabilitar a muralla medieval

O grupo municipal Esperta Monforte presentou unha moción no pleno do Concello de Monforte de Lemos para solicitar a rehabilitación e posta en valor da muralla medieval da cidade. A formación denuncia o estado de "abandono e ruína deplorable" no que se atopa este monumento, declarado Monumento Nacional en 1949.
Segundo explican desde Esperta Monforte, a muralla presenta "derrocamentos cada vez máis frecuentes", como o rexistrado recentemente na Torre do Arco e no tramo anexo, onde o camiño procedente da rúa da Cerca desemboca nun túnel de acceso a outro segmento que circunvala a estrutura pola parte inferior.
Desde a formación critican que os problemas de titularidade non deberían ser unha escusa para a inacción, lembrando que "o propio Concello realizou hai anos tarefas de limpeza en toda a periferia da muralla". Ademais, mencionan que en 2022 o goberno municipal anunciou a incorporación da muralla ás liñas de actuación do Concello, declarando que "algo ía cambiar". Porén, segundo Esperta Monforte, "a realidade é que nada cambiou, salvo o empeoramento da situación".
A moción lembra que desde 2008 a Xunta de Galicia conta cun Plan Director para a recuperación da muralla, elaborado polo arquitecto José María Alonso Montero. Este documento propón unha intervención por tramos para facilitar a súa viabilidade económica. Así mesmo, destacan que a redacción inicial do Plan Especial de Protección e Recuperación do Casco Histórico (PEPRCH) tamén contemplaba a rehabilitación da muralla e a creación dunha zona verde intramuros. Porén, esta proposta foi descartada a instancias do propio goberno local.
Para Esperta Monforte, a restauración da muralla non só supón unha "responsabilidade coa historia e o patrimonio", senón que tamén ten un "indubidable interese económico" ao mellorar a imaxe do casco histórico e potenciar o turismo na cidade. Citan un informe recente, publicado polo xornal El Progreso, que cifra en cinco millóns de euros o custo necesario para acometer a rehabilitación integral do monumento.
Na súa proposta, Esperta Monforte insta ao Concello a realizar de forma inmediata os labores máis urxentes de limpeza e consolidación nas zonas críticas, incluir no orzamento municipal unha partida plurianual específica para o mantemento da muralla, e solicitar a implicación de todas as administracións (estatal, autonómica, provincial e municipal) no financiamento dun Plan integral de rehabilitación, aproveitando o Plan Director da Xunta de Galicia e as propostas orixinais do PEPRCH.
Así mesmo, propoñen a creación dunha comisión municipal presidida polo alcalde e con representación de todos os grupos políticos para negociar coas distintas administracións. "Todos os grupos municipais deberiamos implicarnos e comprometernos para actuar ao unísono, sen divisións partidistas, para que este proxecto chegue a bo fin", conclúen desde Esperta Monforte.