Esperta Monforte pide a dimisión de José Tomé e Margarita López

Esperta Monforte pedirá no vindeiro pleno do Concello a dimisión de José Tomé á fronte da alcaldía tras as acusacións por presunto acoso sexual e a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo.
Tomé, que se deu de baixa como militante socialista, exerce a alcaldía como non adscrito, do mesmo xeito que os seus concelleiros e concelleiras. Para o grupo Esperta Monforte, a súa permanencia no cargo resulta “incompatible cos principios de exemplaridade, responsabilidade política e prevención do acoso sexual esixibles a quen exerce a máxima autoridade municipal”, polo que tamén solicitan a dimisión de Margarita López de como concelleira de Igualdade, ao considerar que as súas competencias inclúen de maneira directa a “prevención, activación de protocolos e protección das posibles vítimas”. Porén, sinalan que a “ausencia dunha actuación clara, dilixente e pública supón unha evidente deixación de funcións políticas”.
Por iso, indican, “con independencia do seu eventual percorrido xudicial e do principio de presunción de inocencia que asiste a toda persoa” e tras as acusacións contra Tomé, o Concello de Monforte “debe rexer a súa actuación polos principios de legalidade, ética pública, exemplaridade, transparencia e defensa dos dereitos fundamentais, especialmente cando están en xogo a dignidade das persoas e a igualdade entre mulleres e homes”. Ademais, advirten da “grave alarma social”, así como do “deterioro da imaxe institucional do Concello” e da “perda evidente de confianza cidadá na máxima representación municipal”.
Desde Esperta reafirman o compromiso coa tolerancia cero fronte ao acoso sexual e calquera forma de violencia machista, e instan á “realización inmediata dunha auditoría interna e xurídica sobre a existencia, vixencia e contido do protocolo municipal de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo, así como sobre o seu efectivo funcionamento ante os indicios coñecidos, dando conta dos seus resultados ao Pleno municipal no prazo máximo de 30 días”.