Esperta Monforte levará ao Pleno unha proposta para peonalizar a Ponte Medieval

RibeiraSacraXa
Consideran que a medida é “imprescindible” por conservación do monumento histórico, así como “pola incompatibilidade co peso que soporta ao paso de vehículos debido ao deterioro permanente”
limpeza-ponte-medieval-monforte
Ponte Medieval de Monforte
20 May 2025

O grupo municipal Esperta Monforte presentará no próximo pleno da Corporación de Monforte de Lemos unha moción para solicitar a peonalización inmediata da Ponte Medieval, alegando motivos de conservación patrimonial, seguridade e mellora da calidade urbana.

Desde Esperta Monforte consideran “imprescindible” a peonalización da Ponte Medieval, por conservación do monumento histórico, así como “pola incompatibilidade co peso que soporta ao paso de vehículos debido ao deterioro permanente”. A formación sinala tamén a importancia da súa estética tanto visual como funcional para os peóns que a utilizan.

Na moción, destacan que “en todas as cidades se acometen actuacións para a conservación de monumentos históricos, das cales Monforte de Lemos parece ser a excepción”. Lembran ademais que, durante celebracións como as festas de San Antonio ou a Feira Medieval, “a peonalización temporal da ponte non causa ningún trastorno relevante na circulación”, o que demostra, segundo defenden, que é posible reorganizar o tráfico sen causar problemas.

Ademais, dende Esperta Monforte insisten no recente accidente na Ponte Medieval, que suman aos argumentos patrimoniais para reclamar a súa protección: “só estes motivos serían suficientes para a peonalización inmediata da mesma, pero agora temos que sumarlle o último incidente”, di o comunicado.

Desde Esperta Monforte propoñen como alternativa unha reorganización do tráfico rodado pola contorna, complementada coa construción dunha nova ponte. A este respecto, lembran que “Monforte pode solucionar o problema de tránsito entre as dúas beiras do río só con darlle continuidade á estrada de circunvalación que hoxe remata na antiga N-120”.

A moción tamén toma como exemplo outras cidades galegas, como Ourense, que “en 1998 e coa desculpa de acometer unhas obras pechou a súa Ponte Romana e xa non a volveu abrir ao tráfico rodado”, reorganizando a circulación sen contar daquela coa Ponte do Milenio.

A proposta concreta de Esperta Monforte inclúe dous puntos. Por un lado, piden que se paralice de forma inmediata o tráfico rodado pola Ponte Medieval, pasando a ser exclusivamente peonil, tras unha reorganización do tráfico entre as zonas de San Antonio, Ramberde e a súa contorna. Por outa banda, solicitan tamén que se realicen as xestións necesarias coas administracións competentes para acometer a continuidade da estrada de circunvalación ata a N-120, aproveitando a ponte que enlazaría por debaixo da Escola Taller coa estrada de Sober.

⚙ Configurar cookies
0.15598511695862