Esperta Monforte esixe melloras no saneamento e abastecemento da auga

RibeiraSacraXa
Piden que se priorice “un saneamento eficiente e un abastecemento de auga digno para todos”
Esperta-Monforte
Esperta Monforte
6 Dec 2024

Desde ESPERTA Monforte valoran positivamente iniciativas como a futura creación dun paseo fluvial, que podería converterse nun espazo atractivo para veciños e visitantes. Porén, explican, consideran “que este tipo de proxectos non deben situarse por enriba das necesidades máis urxentes e básicas do municipio, como a mellora da rede de saneamento e o abastecemento de auga, servizos esenciais que presentan un estado lamentable”.

O pasado mércores 27 de novembro, os veciños da zona da estación sufriron un corte de auga de máis de 8 horas, explican desde o partido, unha situación que, advirten, se suma ás múltiples incidencias rexistradas este ano. Doutra banda, denuncian tamén que as obras en rúas clave como Morín, Doutor Casares, Rosalía de Castro e Concepción Arenal acumulan xa máis de 12 meses de atrasos, afectando gravemente a vida diaria da cidadanía e ao tecido comercial da zona.

“É inadmisible que, mentres persisten estas deficiencias e molestias, o equipo de goberno impulse proxectos secundarios sen ter resolto primeiro os problemas estruturais de Monforte”. Por iso, desde ESPERTA Monforte esixen que se prioricen os investimentos na rede de saneamento e abastecemento de auga, solucionando de maneira definitiva os cortes e filtracións que afectan a numerosos barrios; que se axilicen as obras en curso nas rúas Morín, Rosalía de Castro e Concepción Arenal, que están xerando malestar e perdas económicas para os negocios locais; que se estableza un calendario claro e público de actuacións, acompañado dunha comunicación máis transparente cos veciños afectados; e que se reavalíe a priorización de proxectos secundarios, como o paseo fluvial, ata garantir que os servizos básicos da cidade estean en condicións óptimas.

“Desde ESPERTA Monforte entendemos a importancia de iniciativas que embelecen a nosa cidade e fomenten o turismo, pero cremos que non podemos construír un Monforte atractivo sen resolver antes os problemas fundamentais que afectan ao benestar dos nosos veciños”, sinalan. Por iso, piden que se priorice “un saneamento eficiente e un abastecemento de auga digno para todos”.

0.17018604278564