Escolares de Bóveda coñeceron o oficio tradicional de elaboración de pandeiretas co artesán Xosé Manuel Sanín

Escolares do CEIP Rosalía de Castro de Bóveda participaron esta semana no programa ‘Artesanía na escola’, unha iniciativa de divulgación dos oficios artesanais dirixida ao alumnado de Primaria.
A actividade contou coa participación do artesán Xosé Manuel Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional de Santiago de Compostela, que explicou ao alumnado a historia da pandeireta e amosou de maneira práctica como se elaboran estes instrumentos tradicionais, achegando así aos nenos e nenas un dos elementos máis representativos da música popular galega. O artesán é o protagonista da unidade didáctica ‘Eu son artesán de percusión tradicional’, a segunda do proxecto Artesanía na escola, centrada na historia e na elaboración da pandeireta.
Este programa, impulsado pola Xunta desde o ano 2023, ten como obxectivo dar a coñecer os oficios artesanais como parte do patrimonio cultural e tamén como un sector económico de relevancia. A iniciativa busca poñer en valor o produto feito á man, transmitir os valores da artesanía vinculados ao consumo responsable, á produción local e sustentable e, a longo prazo, favorecer o relevo xeracional nestes oficios.