Escairón prepárase para cinco días de festas con deporte, música e tradición

RibeiraSacraXa
Do 1 ao 5 de agosto, O Saviñao celebrará as súas patronais en honra á Virxe dos Dolores cun completo programa de actividades para todas as idades.
festas-de-escairon-imaxe-2024
Festa da Vendimia do Saviñao
24 Jul 2025

Escairón vivirá do 1 ao 5 de agosto as súas festas patronais en honra á Virxe dos Dolores cun programa variado que mestura música, deporte e xogos tradicionais. Durante cinco días, a Praza Maior, o campo da Lama e outras localizacións da vila acollerán actividades para todos os públicos.

O venres 1 de agosto dará comezo a celebración cunha noite musical a cargo do grupo Baixo Zero, que prenderá a festa para dar paso a unha fin de semana chea de actividade. O sábado 2 haberá dobre sesión musical coas orquestras Sinfonía e Galilea. Ademais, ás 11:00 celebrarase a décimo terceira edición da carreira popular de Escairón, unha proba xa consolidada no calendario deportivo local.

O domingo 3 será unha xornada de gran ambiente. A Banda de Prado porá a nota solemne mentres que La Florida Band e El Combo Dominicano amenizarán a verbena. Ás 12:00 haberá pasacalles e xogos populares na Praza Maior, e ás 19:00 disputarase o trofeo de fútbol das festas entre equipos locais.

O luns 4 comezará cunha mañá de xogos para os máis pequenos no campo da Lama: sesións de bicicleta lenta e carreiras de sacos infantís desde as 12:00, e, pola tarde, atraccións gratuítas desde as 17:30 que culminarán cunha divertida festa da escuma ás 19:30. A música correrá a cargo das orquestras Cinema e Principal.

As festas despediranse o martes 5 de agosto cunha xornada repleta de actividade. A charanga Os Sureños, o grupo Nueva Fuerza e a coñecida orquestra Panorama porán o broche musical. Durante o día tamén haberá competicións tradicionais: a carreira de burros ás 12:00, o tiro da corda ás 13:30 e, para rematar, o trofeo de fútbol Concello do Saviñao ás 19:30 entre o Atlético Escairón e o Brollón.

Os actos relixiosos en honra á patroa desenvolveranse durante todos os días no horario habitual. As festas de Escairón, un ano máis, prometen ser unha cita imperdible no verán da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.12422704696655