Equipos da Coruña, Monforte e Pontevedra representarán a Galicia na Ciberliga

RibeiraSacraXa | ACoruñaXa
Os equipos que representarán a Galicia na gran final serán os dos centros CPI Armando Cotarelo de Boimorto (A Coruña), CPR Plurilingüe Real Colegios Padres Escolapios de Monforte de Lemos, e IES de Meaño (Pontevedra)
gañadores-ciberliga-galicia
Gañadores da Ciberliga en Galiciia
31 Jan 2025

A subdelegada do Goberno, María Rivas, destacou hoxe na Coruña a consolidación en Galicia da Ciberliga promovida pola Garda Civil, que conseguiu na súa sexta edición chegar a 51 centros educativos de Galicia e implicar a 1.400 alumnos e alumnas de 4º da ESO nesta competición

A subdelegada sinalou que, detrás deste éxito, está o “esforzo dos homes e mulleres da Garda Civil que realizaron as formacións e o seguimento das probas, animando aos centros educativos a formar parte desta gran competición a nivel nacional”. Con esta iniciativa, que se materializa en Galicia en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a Garda Civil busca fomentar un entorno dixital seguro e sensibilizar aos menores con respecto á necesaria protección no uso das novas tecnoloxías.

María Rivas presidiu no Cuartel de Lonzas o acto de entrega de diplomas aos doce equipos galegos que quedaron en 1º, 2º, e 3º lugar nesta competición en cada unha das provincias galegas. Deles, os equipos do Centro Público Integrado Armando Cotarelo Valledor (Boimorto-A Coruña); o do CPR Plurilingüe Real Colegios Padres Escolapios (Monforte de Lemos-Lugo) e o do IES de Meaño (Meaño-Pontevedra) representarán a Galicia na  fase final a nivel nacional, que se celebrará do 10 ao 14 de marzo na Academia de Oficiais da Garda Civil, situada en Aranjuez, Madrid.

O acto contou coa asistencia do xeneral xefe da Zona de Galicia da Garda Civil, Miguel Ángel González, xunto ao coronel Xefe da Comandancia da Coruña, Fernando Pedreira: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; e os responsables e alumnos e alumnas dos centros educativos gañadores dos centros que participaron no certamen.

Na súa intervención, María Rivas aproveitou tamén para felicitar aos equipos gañadores e ao resto dos participantes desta edición por gañar “en coñecementos e destrezas” durante a competición, cuxo principal obxectivo é concienciar o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías para poder ter unha experiencia dixital máis segura”.

Por provincias, os equipos que acadaron a primeira posición nesta liga foron o CPI Armando Cotarelo Valledor da Coruña, o Real Colegio Escolapios de Monforte, o IES Meaño de Pontevedra e a Universidade Laboral de Ourense.

En segunda posición quedaron o IES Isaac Díaz Pardo da Coruña, IES Perdouro de Lugo, O Colexio SEI San Narciso de Pontevedra, e o Colexio Miraflores de Ourense, mentres que na terceira posición quedaron o IES Alfredo Brañas (A Coruña), o IES San Rosendo de Lugo, o Colexio María Inmaculada de Pontevedra e o CPI José García García.

 

0.1749119758606