Entregan en Monforte os premios da II Fase da Liga Provincial de Lugo de Ximnasia Rítmica Escolar
O alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, fixo entrega dos diferentes premios correspondentes á II Fase da Liga Provincial de Lugo Individual e Conxuntos de Ximnasia Rítmica Escolar, Promoción e Prebase que se celebrou no novo Pavillón polideportivo municipal de A Pinguela.
As competicións arrancaron ás 9.00 horas cos adestramentos oficiais e a xornada matinal. Ás 11.15 horas o alcalde fixo entrega dos premios ós mellores deportistas de Escolar e as 13.40 horas ós mellores deportistas da Competición Individual e Conxuntos Promoción. Pola tarde continuarán as competicións tanto en individual como en Conxuntos Prebase + Conxuntos Escolar en categorías alevín, benxamín e prebenxamín. Sobre as seis da tarde procederase á entrega de galardóns ós mellores ximnastas Prebase + Escolar.
Os resultados desta segunda fase farán media cos obtidos o pasado 23 de abril no campionato celebrado en Burela e de aquí sairá a clasificación final para o Campionato Galego. Na competición participaron 11 clubes da Provincia de Lugo que reuniron entre 600 e 700 ximnastas de diferentes idades. A Cidade de Monforte, estivo representada polo Kendra e O Quicela que participaron con un número aproximado de 150 ximnastas, e que tal e como estaba previsto, terán presenza no Campionato Galego con varios equipos. Isto demostra que a rítmica monfortina está en pleno auxe constatándose, que cada vez hai mais ximnastas participando deste deporte.
Entre as medallas acadadas polos representantes da Cidade de Monforte, temos que subliñar a medalla de ouro acadada por Deborah Mineli que con 43 anos se proclamou campioa provincial, con posibilidades de revalidar o título de Campioa Galega por terceira vez. Pero non é o único podio das ximnastas monfortinas que acadaron excelentes resultados que se publicarán na páxina oficial da Federación Galega de Ximnasia unha vez rematadas todas as modalidades da Competición.
O alcalde quere felicitar a todos os deportistas que participaron nas competicións polo esforzo feito que é froito do traballo diario que fan e especialmente ós ximnastas da cidade de Monforte que nesta modalidade, como noutras igual de importantes, conseguen poñer o nome da cidade no mais alto do panorama deportivo nacional. Estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez Feijoo, o vicepresidente da Federación Galega de Ximnasia, Antonio Álvarez Rodriguez, o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán e a Deputada Provincial e alcaldesa de Burela, Carmen López Moreno.