Entra en funcionamento o Aeródromo de As Lamas, en Monforte

RibeiraSacraXa
As instalacións foron renovadas tras unha inversión de máis de 260.500 euros coa que se melloraron as condicións da pista de aterraxe e despegue, así como o acceso polo camiño municipal de As Lamas
aerodromo-as-lamas-monforte
Aeródromo As Lamas
5 Aug 2025

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, informou da finalización das obras de mellora na pista do Aeródromo de As Lamas, que xa está operativa dende este luns 4 de agosto. Segundo o propio rexedor, a instalación foi utilizada na xornada de onte por avións procedentes de Barcelona, Braga e Portugal, e prevese que nos vindeiros días cheguen numerosos voos, a maioría dende fóra de Galicia.

As actuacións realizadas incluíron unha mellora integral da pista principal de voo e dos accesos adxacentes, como a vía que conecta coas pistas de exame de conducir, os hangares, o campo de tiro e a pista do canal. O investimento total das dúas intervencións superou os 260.000 euros e foi financiado con fondos municipais. “Cuarto de millón de euros (260.508,16 euros), o que fala por si solo da súa importancia, e foron financiados con fondos municipais”, sinalou Tomé.

O Aeródromo municipal de As Lamas foi autorizado en 2012 como campo de voo para ultralixeiros e avionetas. Dende entón, o seu uso foi medrando, especialmente entre a primavera e o outono. Actualmente, rexístranse entre 300 e 500 operacións aéreas ao ano, moitas delas durante as fins de semana, festivos ou incluso entre semana.

Tomé lembrou que o aeródromo naceu hai 35 anos como campo de aeromodelismo, e que hai 22 anos se construíu a pista de ultralixeiros. No ano 2015, tras a publicación do Real Decreto 1070/2015, foi autorizado como aeródromo pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e inaugurado oficialmente con motivo da Volta Ibérica. A súa xestión está a cargo do Club Aerolemos.

Dende entón, acolleu eventos como a Volta Aérea Ibérica e encontros da Asociación de Aviación Experimental, con participación de pilotos e construtores de aeronaves lixeiras de toda España.

O aeródromo tamén serve de base para empresas que realizan inspeccións aéreas de liñas eléctricas ou parques eólicos, reportaxes fotográficos e audiovisuais, e operativas con drons. En ocasións como o paso da Volta Ciclista a España pola Ribeira Sacra, foi utilizado polos helicópteros de Televisión Española como base para operacións loxísticas.

“Este Aeródromo”, destacou Tomé, “conta actualmente cun intenso e crecente tráfico aéreo. Nel aterran e despegan clubs aéreos de toda España e tamén de Portugal ou Francia, co que elo supón de impacto positivo para o noso turismo e para dar a coñecer a nosa cidade e comarca”.

O rexedor tamén subliñou as vantaxes da súa localización, próxima ao casco urbano de Monforte. Segundo as súas palabras, “sen dúbida, isto favorece que elixan a nosa cidade pola cercanía ós seus hoteis, restaurantes e recursos turísticos. Isto converte ó Aeródromo de Monforte en único, xa que o resto de instalacións deste tipo en Galicia, e a maioría das do resto de España, se atopan sempre alonxadas de zonas urbanas”.

O impacto na economía local é outro dos aspectos sinalados polo alcalde. “Polo tanto, estes voos benefician claramente ó sector do taxi e á hostalería. Os taxistas polas viaxes que fan para recoller ós tripulantes e volvelos a levar ó Aeródromo. E a hostalería, porque todos eles repoñen forzas nos nosos restaurantes”.

En canto ás melloras técnicas, Tomé destacou que con esta actuación lógrase unha operatividade continua durante todo o ano. “Con esta obra, conseguiuse que poidan aterrar ou despegar todo o ano, aínda en época de choivas, cousa que antes non podía facerse cando encharcaba, e esta mellora vai permitir que nos visiten aínda máis aeronaves durante todo o ano en boas condicións de aterraxe e de despegue”.

A intervención principal centrouse na pavimentación da pista de voo, anteriormente de terra compactada. Cunha lonxitude de 705 metros e un ancho medio de 13,31 metros, a superficie total de actuación foi de 9.385 m². A pista foi refinada e nivelada, colocouse unha base de zahorra e asfaltouse con aglomerado en quente tipo D-12, cun espesor de 5 cm. Posteriormente, sinalizouse con marcas viarias segundo a normativa aeronáutica. O investimento foi de 168.790,16 euros.

Ademais, mellorouse o Camiño municipal de As Lamas, unha vía de servizo que une a estrada de Currelos co campo de tiro e outras instalacións. Asfaltáronse 1,54 km cunha superficie de 5.793 m², cun custo de 91.718 euros. Esta intervención tamén foi financiada con fondos municipais.

⚙ Configurar cookies
0.055459976196289