Entra en funcionamento a nova aula da DGT de Monforte

RibeiraSacraXa
O espazo foi cedido polo Concello e contou cun investimento de 22.000 euros grazas a un convenio entre o Goberno municipal e a Dirección Xeral de Tráfico de Lugo
dgt-monforte-aula-exames
18 Nov 2025

A nova aula informatizada habilitada polo Concello de Monforte de Lemos para a Dirección Provincial de Tráfico celebrou este luns as primeiras probas teóricas de conducir en modalidade telemática na zona sur da provincia. O espazo, situado no Edificio Multiusos, está equipado con 20 ordenadores táctiles para as persoas aspirantes e un equipo central destinado ao persoal examinador.

Nesta primeira xornada realizáronse tres quendas de exame, ás 9:00, 10:00 e 11:00 horas, que transcorreron con normalidade e cun balance positivo tanto por parte dos participantes como do equipo da Dirección Provincial de Tráfico.

A posta en marcha desta aula é resultado do convenio asinado o pasado 15 de outubro entre o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o xefe provincial de Tráfico, Alberto Rodríguez Fernández. O acordo responde ás demandas das autoescolas da cidade, que, segundo lembrou o rexedor, “levaban un tempo trasladando a necesidade dunha aula informatizada para desenvolver estas probas e evitar que os aspirantes acabaran tendo que desprazarse a Lugo, co prexuízo que iso conlevaría”.

Monforte convértese así no primeiro municipio da provincia en dotar un espazo municipal deste tipo, xa que ata agora só a sede da Xefatura Provincial de Tráfico en Lugo dispoñía dunha infraestrutura informatizada para exames.

A aula do Multiusos ofrecerá servizo a todas as autoescolas da zona sur da provincia e prevese que acolla, polo menos, dúas xornadas de exames ao mes. Un dos beneficios destacados é a rapidez na obtención de resultados, que se coñecen nun prazo aproximado de dúas horas.

O Concello destinou 22.000 euros á creación deste espazo, incluíndo a compra e montaxe dos equipos informáticos e o mobiliario necesario. Do total investido, 15.000 euros corresponden aos ordenadores, 5.500 ao mobiliario e 1.500 á instalación.

As instalacións do Edificio Multiusos aportan, ademais, condicións de confort e accesibilidade, con espazos adaptados para persoas con mobilidade reducida, climatización, aseos accesibles e servizo de limpeza, mellorando as condicións de traballo e exame.

O alcalde subliñou que, coa entrada en funcionamento da aula, “o Concello de Monforte convértese no primeiro da provincia de Lugo en poñer a disposición da Xefatura Provincial unha aula informatizada destas características e damos o paso definitivo para informatizar as probas teóricas e poñer en marcha en Monforte un modelo de exame que garante a calidade e seguridade xurídica de todo o proceso”.

⚙ Configurar cookies
0.069594860076904