En marcha o VI Concurso de tapas “Castaña do Caurel”

O VI Concurso de Tapas “Castaña do Caurel” xa está en marcha, ofrecendo unha experiencia culinaria para veciños e visitantes durante estes días de outono nun total de sete establecementos. O concurso deu comezo o pasado venres 24 de outubro e continuará os días 31 de outubro e 1, 2 e 7 de novembro.
Neste certame participan un total de sete establecementos da zona, entre os que se atopan o Acampamento O Courel (Esperante), Casa Ferreiro (Seoane), Bar Rafael (Seoane), Restaurante Anduriña (Seoane), Bar Pombo (Seoane), Cova da Moura (Vilamor) e Bar Pepe (Santa Eufemia).
Os asistentes poderán degustar as tapas, todas a un prezo de 2 euros, e terán a oportunidade de participar no sorteo de preto dunha decena de premios entre quen vaia probar as diferentes propostas.
Na organización participan o Xeoparque Montañas do Courel, o Concello de Folgoso, a Xunta de Galicia e Castaña de Galicia Indicación Xeográfica protexida.