En breve iniciaranse os traballos de reposición da cuberta do Pazo de Tor

RibeiraSacraXa
A Deputación de Lugo acometerá o último paso administrativo para iniciar os traballos de reposición da cuberta do Pazo de Tor
pazo de tor monforte
2 May 2021

A Deputación de Lugo acometerá, segundo aprobou a Xunta de Goberno, o último paso administrativo para iniciar os traballos de reposición da cuberta do Pazo de Tor cun importe de 48.191,71€. Polo paso do tempo, as tellas desta edificación presentan pezas rotas ou deterioradas que era preciso repoñer. Estas actuacións, que contan cun prazo de execución de 2 meses, comezarán as vindeiras semanas.

Acondicionamento da vía de Courel a Vilela

A Xunta de Goberno tamén aprobou esta semana o último trámite administrativo para que comecen os traballos de acondicionamento da LU-P-1301, entre Pedrafita do Cebreiro e Seoane do Courel, dende o punto quilométrico 10,700 ao 12,591. É unha actuación importante cun investimento de 310.000€ porque se trata da vía que conecta Seoane do Courel con Vilela, pasando polo Hospital e os ramais da Piñeira e Lousada. Esta actuación, que comezará nas vindeiras semanas, contempla a ampliación da estrada, dos actuais 4 metros ata os 5,5 ou 6 metros de ancho, ademais da drenaxe, afirmado, pavimentación e sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución é de 12 meses.

Remanentes Becerreá

Aprobouse en Xunta de Goberno a aplicación de remanentes do Plan Único 2020 en Becerreá para acometer obras de mellora na beirarrúa da marxe esquerda da rúa Eulogio Rosón. As actuacións contarán cun investimento de 43.655€ dos que 33.595€ son achega da Deputación e o resto contará con financiación municipal.

0.15964293479919