Eduardo Iglesias presenta en Monforte a moto coa que competirá no Rally Dakar 2023

RibeiraSacraXa
Eduardo Iglesias presenta en Monforte a moto coa que competirá no Rally Dakar 2023 antes de viaxar a Arabia Saudita
José Tomé Dakar
20 Dec 2022

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu ao piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, que deu a coñecer a moto coa que Iglesias competirá, así como a equipación que levará á proba, na que competirá co dorsal número 38.

O acto de presentación, que tivo lugar na praza da Casa Consistorial do Concello de Monforte, tivo lugar días antes de que viaxe a Arabia Saudita para participar nunha nova edición do Rally Dakar do 31 de decembro ao 15 de xaneiro de 2023, ao longo de 14 etapas e de 5.000 quilómetros de percorrido.

Na recepción do piloto, o Alcalde e Iglesias estiveron acompañados pola 1ª Tenente de alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luís Losada, e por un dos membros do equipo do piloto monfortino, Jesús Veloso Cachaldora.

Catro participacións consecutivas no Dakar

Este 2023 será o cuarto ano consecutivo en que o piloto monfortino participe no rally máis famoso do mundo, e por este motivo, o Alcalde desexoulle o maior do éxitos en nome de todos os monfortinos, agardando “que non teña accidentes e que, si pode, supere o posto 53 que conseguiu na edición de 2021.”

Neste senso, cabe recordar que Eduardo Iglesias superou todas as previsións na súas tres participacións no Dakar: non so conseguiu rematar sempre o que é o rally máis duro do mundo, senón que ademais fíxoo entre os 100 primeiros clasificados, nun meritorio posto 94 no ano 2020, no posto 53 en 2021, e no posto 78 en 2022.

“Dende o primeiro ano, no Concello decidimos apoiar a participación de Eduardo Iglesias no Dakar, e facémolo porque queremos apoiar o talento e o esforzo dun dos deportistas da nosa cidade”, destacou o rexedor municipal. Ademais, o alcalde salientou que o piloto monfortino levará o nome de Monforte e de toda a provincia de Lugo por todo o mundo, a través do eco das redes sociais e dos medios de comunicación.

O alcalde concluíu a súa intervención manifestando que “trátase dun reto moi importante polo que lle desexo moito ánimo e sorte a Eduardo para superalo e seguir mellorando os seus resultados”.

Pola súa banda, Eduardo Iglesias agradeceu o apoio que recibiu tanto dende o Concello como dende a Deputación de Lugo para este novo reto, xa que ambas institucións apoian economicamente a este piloto, contribuíndo a sufragar os gastos desta importante competición. En concreto, o Concello monfortino apoia a participación de Eduardo Iglesias con 5.000 euros mentres que o ente provincial faino con 15.000.

0.19142913818359