Eduardo Iglesias foi recibido na Cidade do Cabe, a súa terra natal, antes de partir ao Rally Dakar 2024
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu ao piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, para despedilo días antes de que o piloto viaxe camiño de Arabia Saudí para participar do 5 ao 19 de xaneiro de 2024 nunha nova edición do rally Dakar.
O acto de presentación, que tivo lugar na praza da Casa Consistorial do Concello de Monforte, serviu para dar a coñecer a moto coa que Iglesias competirá, así como a equipación que levará á proba, na que competirá co dorsal número 38.
Na recepción, o Tomé e Iglesias estiveron acompañados pola tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Servizos, José Luís Losada, o técnico de Deportes, Óscar e por un dos membros do equipo do piloto monfortino, Jesús Veloso Cachaldora.
Cinco participacións consecutivas no Dakar
Este 2024 será o quinto ano consecutivo en que o piloto monfortino participe no rally máis famoso do mundo e, por este motivo, o rexedor desexoulle o maior dos éxitos en nome de todos os monfortinos, agardando “que non teña accidentes como tivo na pasada edición na etapa prólogo, e que, se pode, supere o mellor posto acadado, que foi o 53 que conseguiu na edición de 2021”.
Neste senso, cabe recordar que Eduardo Iglesias superou todas as previsións na súas catro participacións no Dakar: non so conseguiu rematar en 3 das 4 ocasións o que é o rally máis duro do mundo, senón que ademais fíxoo entre os 100 primeiros clasificados, nun meritorio posto 94 no ano 2020, no posto 53 en 2021, e no posto 78 en 2022. En 2023, un accidente na etapa prólogo impediu a súa continuidade na proba, “algo do que espera resarcirse este 2024".
Apoio do Goberno local de Monforte
“Dende o primeiro ano, no Concello decidimos apoiar a participación de Eduardo Iglesias no Dakar, e facémolo porque queremos apoiar o talento e o esforzo dun dos deportistas da nosa cidade”, destacou o rexedor municipal.
Tomé Roca defendeu que tanto o Concello como a Deputación provincial de Lugo apoian economicamente a este piloto, contribuíndo a sufragar os gastos desta importante competición.
En concreto, o Concello monfortino apoia a participación de Eduardo Iglesias con 5.000 euros, aos que se engade outra axuda da Deputación provincial de Lugo, “porque sen dúbida contribuirá a que de novo Monforte, a Ribeira Sacra e a provincia de Lugo estean representados nun evento deportivo que xera un enorme seguimento e ten unha repercusión mundial, con máis de 200 millóns de telespectadores”.
O alcalde acabou manifestando que “en nome de todos os monfortinos e monfortinas, desexámoslle a Eduardo Iglesias o maior dos éxitos na súa quinta participación neste rally Dakar, e estamos seguros de que volveremos a ter motivos para sentirnos orgullosos del”.