Dúas novas parcelas do polígono industrial dos Acivros de Chantada serán utilizadas por novas empresas
Dúas empresas chantadinas firmaron os contratos de compravenda de dúas novas parcelas do polígono industrial dos Acivros, no concello de Chantada, un complexo que pasou a xestionar directamente a institución provincial trala extinción da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA).
En concreto, a parcela número 22 do parque empresarial chantadino foi vendida por un importe de 30.080 euros a Citelfo SL, dedicada a instalacións eléctricas, mentres que a firma Asmatec SLU, cuxa actividade está centrada na reparación de maquinaria industrial, adquiriu a parcela número 26 por un importe de 40.800 euros.
Os alleamentos destes terreos leváronse a cabo a través dun proceso de adxudicación directa, tras os senllos escritos presentados polas empresas no mes de xullo, nos que mostraron o seu interese en adquirir as devanditas parcelas.
Con estas dúas novas adxudicacións, que foron aprobadas pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo o pasado día 11 de agosto e formalizadas esta mañá polo Presidente da institución provincial, suman 37 as parcelas vendidas a día de hoxe no polígono industrial de Chantada. Un complexo que conta cun total de 49 parcelas, das cales 7 están reservadas.
Polo tanto, o parque empresarial dos Acivros, que concentra a maior parte da actividade económica no municipio chantadino, ten a día de hoxe 5 espazos dispoñibles cunha superficie media de 1.100 metros cadrados.