Dous grupos monfortinos amenizarán o Nadal con concertos na rúa

RibeiraSacraXa
Deloreans e Malenne actuarán na rúa Cardenal os días 26 de decembro e 2 de xaneiro, respectivamente
concerto-nadal-rua-cardenal-monforte
24 Dec 2025

A rúa Cardeal de Monforte de Lemos acollerá durante estas festas dous concertos protagonizados por grupos locais, unha iniciativa que forma parte da programación de Nadal do Concello e busca animar as rúas da cidade e apoiar o comercio local nestas datas.

Con esta iniciativa, destaca o alcalde, José Tomé Roca, búscase “poñer en valor aos nosos grupos, que ademais contarán cunha boa produción para que as súas composicións soen coa calidade profesional que merecen”.

Os concertos celebraranse os días 26 de decembro e 2 de xaneiro, a partir das 20.30 horas, e correrán a cargo dos grupos Deloreans e Malenne.

As actuacións terán lugar na zona peonil da rúa Cardeal, nun escenario que se instalará xunto ao cono ornamental de máis de 20 metros que forma parte do alumeado de Nadal.

Segundo explicou José Tomé, a aposta polos grupos monfortinos por parte do seu Goberno “é firme” e responde ao obxectivo de “poñer en valor ao grupos musicais da cidade e darlle o recoñecemento que merecen, ao tempo que coa súa música dinamizamos a rúa e potenciamos as compras no noso comercio local”.
Desde o Concello lembran que esta liña de apoio á creación local mantense ao longo do ano, con iniciativas como o Verán Cultural, no que os grupos da cidade son protagonistas dun ciclo de concertos en distintos espazos de Monforte.

⚙ Configurar cookies
0.077535152435303