Dous colectivos animan á xente a presentar alegacións en contra da tala de árbores en Monforte

RibeiraSacraXa
Petón do Lobo e Ecoloxistas en Acción Galiza “Atlántica e Verde” denuncian o intento de tala de máis de 2.
Distriz Monforte
4 sep 2023

Petón do Lobo e Ecoloxistas en Acción Galiza “Atlántica e Verde” denuncian o intento de tala de máis de 2.000 árbores dun alto valor ecolóxico no Rego de Reboredo e Rego de Terra Rubia, a ambos marxes da ribeira, en Distriz, na parroquia de Monforte de Lemos.

Ámbolos dous colectivos presentaron alegacións tanto ante a Confederación Hidrográfica como ante a Consellería de Medio Ambiente para evitar a tala de 1172 carballos, 421 bidueiros e 513 salgueiros, e animan a que máis persoas presenten alegacións, xa que "as afeccións son tan considerables que sorprende que se poida expór algo tan desatinado, e doen os ollos ao ollar o que publica o 24 de Agosto de 2023 o BOP de Lugo, que parece abrir a posibilidade dunha tala masiva", expoñen.

Din que a tala constituiría un dano irreparable para o medio ambiente e o conxunto da cidadanía e suporía un precedente difícil de comprender polas xeracións futuras, xa que as afeccións serían múltiples e en cadea unhas con outras, como a que afectaría aos chans e aos proceso erosivos, repercutindo na Rede Natura 2000.

Lugar de actuación

A zona na que se quere levar a cabo a tala sitúase nunha chaira suxeita a inundación, "o que afectaría gravemente aos humidais existentes, ao fluxo fluvial e á conectividade dos ecosistemas", explican desde os colectivos, e engaden que "a tala afectaría dun xeito severo a hábitats prioritarios e de interese comunitario, como son as masas maduras de carballeiras, a auga potable da Cunca do Sil e a especies catalogadas coma vulnerables ou en perigo de extinción".

Por outra parte, fan referencia a que a tala vulneraría varias leis, como a Lei 5/2019 do 2 de agosto, o DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia, así como outras europeas, en especial a Directiva europea 92/43/CEE do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

Por todo isto, Petón do Lobo e Ecoloxistas en Acción Galiza invitan a toda a sociedade a que presente alegacións, porque todos os membros da sociedade "quedarían prexudicados, e non só os de hoxe senón tamén os de mañá".

0.085936069488525