Don Juan de la Coba Gómez (e II)

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa
Por Raúl Río A invención do trampitán tamén deu pé a exacerbar o maximalismo español a persoeiros como o periodista Juan Soto, que o 20 de marzo de 2011 escribía no diario ABC madrileño barbaridades e insultos deste tipo: “También estos pollos se han sacado de la manga un idioma tan artificial y exclusivo como el trampitán.
21 Dec 2022

Por Raúl Río

A invención do trampitán tamén deu pé a exacerbar o maximalismo español a persoeiros como o periodista Juan Soto, que o 20 de marzo de 2011 escribía no diario ABC madrileño barbaridades e insultos deste tipo: “También estos pollos se han sacado de la manga un idioma tan artificial y exclusivo como el trampitán. Pero don Juan era persona seria: no se lucró de su invento”, coa intención de ridiculizar o noso idioma nacional, que supliu ao latín na corte de Castela, cando, segundo o abade Papebroch o español era “unha lingua non traballada”, que estaba en cueiros e non válida como literaria, polo que o único rei Sabio que tiveron os españoles era galego e escribía no idioma do noso país, que foi “inventado” ao longo de moitos séculos por todos os nosos antepasados bastante antes de que os seus inventaran o español. Pero, si el é feliz así pode seguir insultando e desacreditándose a si mesmo.

O caso é que Don Juan fíxose moi famoso e popular entre nós debido aos seus inventos, pois ademais de escultor, dramaturgo, poeta, periodista e inventor desa lingua, tamén inventou outras cousas moi interesantes, como xa verá o lector a continuación, polo que cento vinte e catro anos despois do seu pasamento foron moitos os escritores contemporáneos que se ocuparon deste home tan singular, como Curros Enríquez no “O divino sainete”, que ao referirse aos poetas novos, puxo nos labios da condesa Pardo Bazán o seguinte verso: “Cantan como Xan da Coba”, porque á condesa non lle gustaban os nosos poetas galegos do Rexurdimento e tíñalle xenreira a Curros.

Como perito agrimensor que era, sabía da necesidade dun clima adecuado para un mellor crecemento dos produtos do campo; sabía que necesitaban da auga e do sol e que tanto o exceso como a escaseza dunha cousa ou da outra era prexudicial.

Así que para controlar o tema, inventou o que el chamou “Paraugas Universal”, unha especie de paraugas que se poñía no Polo Norte e cando xa tiña a terra a humidade suficiente abríase o paraugas e xa non chovía mais, pois sabía que habendo humidade o sol xa faría o seu traballo facendo medrar as plantas.

Penso que este invento non debeu ter moita aceptación, nin entre os personaxes literarios nin tampouco entre os nosos labregos, porque poucos falan del e, que eu saiba, tampouco se probou a súa eficacia. Pero o que si tivo moita sona foi “O Pirandárgallo”, que é como o bautizou el en trampitán. Outro invento deste curioso personaxe que seica servía para viaxar. Tratábase dun aparello que consistía nun globo que se elevaba na atmosfera e utilizando uns complexos trebellos ancorábase no espazo por medio de rodas dentadas, parafusos e hélices, e si querías ir á China non tiñas mais que agardar que a terra dera a volta e cando a China pasara por debaixo, baixabas e xa estabas nela. Despois, para volver inchabas o globo de novo, subías e ancorábalo no espazo, e cando pasara Ourense por debaixo, baixabas outra vez e xa estabas na capital auriense. Así de doado e divertido, pois vía pasar o mundo por debaixo dos seus pés.

Este medio de viaxar foi o que utilizou o personaxe da preciosa novela de Lois Dieguez, “Galou, Z28”(que foi Premio de Novela na Casa de Galicia de Bilbao no ano 1975), na que Arxemiro, ou Z28, que falaba o trampitán e dicía ser discípulo de Don Juan de la Coba, construíu ese aparato para escapar das rodas dentadas, onde o tiñan traballando coma un escravo.

Don Juan foi moi famoso debido a estes inventos e non foron  poucos os escritores que o quixeron arremedar inventando verbas e idiomas, pero din os intelectuais que ninguén o fixo coa perfección de Don Juan, pois Vicente Risco afirma que “inventando o trampitán alcanzou a gloria” e incluso Sargadelos creou esa bonita botella de porcelana coa súa figura, que podedes ver aquí e, como di Carlos Casares na súa biografía, aínda segue interesando a escritores, artistas e curiosos. O mesmo Carlos Casares lémbranos que o idioma inventado por José Bastida na novela “Saga/fuga de JB”, de Gonzálo Torrente Ballester, está inspirado no trampitán.

A Xosé Ánxel Valente inspiroulle o poema “El hombre que tiene un ángel en la boca”, que incluíu no libro “Nueve enunciaciones”, publicado en 1982, pero ademais dos xa nomeados, falaron del personaxes tan importantes como Vicente Risco, Filgueira Valverde, o gran Valentín Lamas Carvajal, Manuel Leiras Pulpeiro, e outros moitos, aínda que quen mellor o definiu, coa súa característica ironía, foi o seu amigo Enrique Labarta Pose:

Quién es don Juan de la Coba?

Un vate en perito injerto

que usa con igual acierto

la pluma, el metro y la escoba.

Y un hombre que mide además,

aunque parezca mentira,

los terrenos con la lira,

los versos con el compás.

El, de todo entiende un poco:

porque es perito, escultor,

vate insigne, agricultor...

y hasta hay quien dice que es loco!


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18221211433411