Dez proxectos foron seleccionados como finalistas do IX Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra
A Asociación Semente de Monforte deu a coñecer os finalistas da IX edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, edición á que se presentaron case medio cento de ideas.
A maior parte das iniciativas son a desenvolver en Galicia, pero chegaron propostas doutras comunidades como Valencia, Cataluña ou Madrid, das que o xurado, reunido o 19 de xullo, tivo que seleccionar dez.
Esas dez ideas son 'Aobá Upcycling, Fashion Made for Earth Lovers', de reutilización materiais roupa; 'Bikarte', renting de bicicletas eléctricas con audio guía; 'Chorima', cosmética atlántica con extractos vexetais; 'Eco-Aqua', un proxecto de abastecemento hídrico sostible na Ribeira Sacra; 'ENZICAS', queixos e embutidos madurados con castañas; 'LABRAVA S. COOP. GALEGA', unha cooperativa de traballo asociado no sector agrario e forestal; 'LamasDulce', galletas personalizadas; un portal de emprego e oportunidades do rural galego, que é unha plataforma de empregabilidade no rural; unha planta procesadora de excedentes de produtos agrícolas; e 'RURAL O URBANO', un espazo Gourmet & Lifestyle.
As ideas seleccionadas presentarán antes do 30 de setembro do 2023 o proxecto rematado, achegando arquivos PDF mediante formulario na intranet de concursantes da web de Semente.
Unha vez presentada a documentación, o xurado convocará aos finalistas para a exposición e defensa do seu proxecto e o fallo do xurado darase a coñecer o día 28 de outubro, xornada na que se presentarán os proxectos e pola noite celebrarase a entrega de premios.