Dez ideas innovadoras optan aos premios da XI edición de Semente Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra volve colocarse como referente da creatividade e o emprendemento sostible coa selección dos dez proxectos finalistas da XI edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra. A convocatoria, que nesta edición recibiu máis de 70 solicitudes, premiará con ata 10.000 euros as mellores iniciativas que combinen innovación, respecto polo territorio e viabilidade económica.
O pasado 22 de xullo reuniuse o xurado para escoller as dez ideas con máis potencial, que agora deberán presentar os seus proxectos completos antes do 30 de setembro. Ademais dos premios en metálico —10.000, 6.000 e 4.000 euros para os tres primeiros clasificados— os finalistas poderán participar nun plan formativo especializado financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), co obxectivo de consolidar e profesionalizar cada iniciativa.
As ideas seleccionadas abranguen unha ampla diversidade de sectores e enfoques. Dende propostas gastronómicas como GALEGHEEÑO, que aposta pola produción de ghee con leite de vacas en pastoreo na Ribeira Sacra, ata ALAMBIQUEIROS DA SACRA TERRA, unha destilería que transforma o bagazo das adegas locais en augardente artesanal certificada. Tamén destacan proxectos ecolóxicos como RESPIRO SOSTIBLE, que propón a creación de papel a partir de residuos vexetais para combater a deforestación, ou PIEL NATURA, unha liña de cosmética sólida feita con ingredientes galegos como o castiñeiro ou a auga termal.
No eido do turismo consciente e o patrimonio, destacan ENSÁCRATE, especializada en experiencias personalizadas na Ribeira Sacra, e CASA MUSEO GENIA TRIGO, que combina arte, etnografía e dinamización rural. Outros proxectos apostan pola innovación tecnolóxica e a comercialización a gran escala: VIÑALERT, un sistema de control dixital para vides, e FRANQUICIAS GOURMET GALLEGO, que busca levar produtos galegos a tendas de toda España. Completan o listado O FOGAR DOS SOÑOS, unha queixaría-xeadería artesanal nunha casa rehabilitada, e LA ESCUELA DEL ORIGEN, un espazo pioneiro de acompañamento para colectivos vulnerables.
As persoas promotoras destas iniciativas deberán presentar a documentación final entre o 1 de agosto e o 30 de setembro, a través da intranet de concursantes da web oficial www.sementeribeirasacra.org. O día 8 de novembro celebraranse as presentacións e defensa dos proxectos no Parador de Monforte, onde tamén terá lugar a entrega de premios e a cea de clausura da edición.