Destínanse preto de 11 millóns de euros para rehabilitar o firme da estrada N-540
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible adxudicou o contrato de obras para a rehabilitación do firme na estrada N-540, entre os km 0,000 e 68,900, na provincia de Lugo. O importe de adxudicación ascende a 10.951.414 euros.
Deste xeito, realizarase a rehabilitación estrutural e superficial do firme e aquelas actividades complementarias que sexan necesarias para manter os niveis de servizo. Todo iso co obxecto de mellorar a seguridade viaria no devandito tramo. A rehabilitación consistirá principalmente nun fresado de parte do firme existente, seguido dun recrecimento en varias capas entre as que se dispoñerán regas de adherencia.
Nas zonas singulares, que son as máis deterioradas, realizarase primeiramente unha demolición do paquete de firmes completo, seguida dunha escavación dun metro de profundidade para, finalmente, repoñer as capas de firme. Así mesmo, será necesaria a regularización das beiravías, especialmente para garantir a seguridade dos ciclistas e motoristas. Tras isto, procederase ao repintado de marcas viarias e á disposición dos elementos de balizamento.
Reacción do Partido Popular a este anuncio
A senadora lucense e alcaldesa de Guntín, María José Gómez, considera “electoralista e insuficiente” o anuncio da adxudicación das obras de rehabilitación do firme da estrada nacional N-540, tendo en conta que “se dilata tres anos o remate das actuacións para a mellora da vía toda vez que o prazo de execución é de 38 meses desde o seu inicio previsto para outubro do 2024".
A popular explica que “do investimento anunciado, a cantidade prevista para o 2024 non alcanza os 200.000 euros, polo que todo indica que neste ano tampouco veremos grandes avances na mellora desta estrada que está totalmente intransitable; cando o que require debido ao seu mal estado son actuacións urxentes”.
A alcaldesa de Guntín insiste en reivindicar que “o Goberno de Pedro Sánchez garanta a seguridade dos usuarios e repare de forma inmediata a vía entre os quilómetros 16 e 17 -onde se teñen producido varios accidentes- antes de que haxa que lamentar unha desgraza”.
Así, conclúe que a mellora da N-540 vén sendo obxecto de demanda do PP nos últimos anos no Congreso dos Deputados e no Senado ante “o recorte orzamentario constante dende que o Pedro Sánchez é presidente”. De feito, os plans que manexaba no seu día o Goberno de Rajoy para investir na reforma desta nacional ascendían a 20 millóns de euros, pero o Executivo socialista “encargárase de eliminalos das contas estatais”.