Desde Por Chantada denuncian o pouco persoal que hai no centro de saúde
Por Chantada lamenta a "total e absoluta pasividade e indiferenza" do Goberno local fronte á "continuada degradación" que sofre a calidade asistencial no centro de saúde de Chantada e que repercute nos pacientes e na veciñanza en xeral.
Así, explican que durante todo o mes de agosto o centro de saúde só conta con dous médicos, xa que non se están a cubrir os que están de baixa ou de vacacións.
"Non é a primeira vez que ocorre, aforrando así a Xunta cartos a conta dunha pésima calidade asistencial que fai que se corran moitos riscos porque non hai maneira humana de facer diagnoses e atención de calidade sen tempo, e máis en agosto, cando vén moita xente demandando asistencia sanitaria a pesar de non estar censada na vila do Asma", denuncian os de Por Chantada.
Ademais, tamén sinalan a situación na enfermaría, xa que hai tres enfermeiros xeralistas e unha de pediatría, pero segue sen cubrirse unha xubilación nin se cobren vacacións nin permisos, polo que o cadro de enfermaría está tamén baixo mínimos.