Desde o SLG ofrécenlle á Xunta asesoramento para abordar o problema dos excedentes na Ribeira Sacra
Desde o Sindicato Labrego Galego denuncian que a Consellaría do Medio Rural "tentou disuadir as mobilizacións das viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra a través dunha convocatoria de reunión con determinadas organizacións agrarias, da que o único resultado coñecido é unha exigua nota de prensa da CMR anunciando que van seguir falando e que non atopan un encaixe legal, argumento subscrito por Unións Agrarias, quen confirmou que a Consellaría lles ofreceu falar a cambio de que disuadiran ás viticultoras da Ribeira Sacra de seguir mobilizándose".
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas din que lle ofrecen á CMR asesoramento e reiteran a solicitude de xuntanza para falar sobre o tema, "achegándolle información do procedemento seguido pola súa homóloga na Rioxa, con quen podemos poñela en contacto no caso de que iso tamén lle supoña unha complicación", explican.
Ademais, engaden que "logo de anos sabendo que existe un problema cos excedentes de tinto na Ribeira Sacra, e tralas demandas de solución por parte do sector dende fai meses, ao que hai que engadir que a Conselleira nos dixo no mes de agosto que todo estaba resolto. É absolutamente indignante a estratexia da Xunta de Galicia de convocar reunións baleiras de contido para que vaia pasando a vendima e o desgaste faga mella no sector produtor mobilizado", sosteñen.
Na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, aproximadamente 1.400.000 kg de uva tinta van quedar sen vendimar, afectando de xeito directo a arredor de 600 persoas que traballaron todo o ano na viña e que agora non teñen quen lles merque a uva, persoas que teñen a viticultura como o seu medio de vida. Ademais, son milleiros os postos de traballo indirectos vinculados a este sector na comarca, alén de aportar o seu principal sinal de identidade paisaxístico e cultural.
Por iso, desde SLG din que non van permitir o abandono da viticultura heroica por parte da Xunta de Galicia. "Reiteramos que até que se proceda á publicación de medidas no DOG o sector seguirá con mobilizacións, e trasladamos unha vez máis as nosas demandas á Consellería de Medio Rural: axudas directas para as persoas viticultoras que non teñen quen lles recolla a uva e mesa de traballo para activar máis medidas na presente campaña e para deseñar estratexias que protexan a do vindeiro ano e seguintes", conclúen.