Desde o PP defenden que Augas Mestas, en Quiroga, "podería ser un referente turístico na provincia”
Os deputados populares, Antonio Ameijide e Luis Fernández, visitaron o complexo turístico de Augas Mestas, en Quiroga, e amosaron “o súa tristura e impotencia” ao ver como “a Deputación de Lugo abandona unha instalación que podería ser un referente turístico na provincia”.
Esta área recreativa, construída no ano 1996 pola Deputación cun goberno do Partido Popular a fronte, tiña como obxectivo dinamizar o turismo na Ribeira Sacra poñendo en servizo un área máis a disposición dos turistas que chegan á provincia, pero "dende que o PSOE e o BNG chegaron ao goberno da Deputación ningunha das dúas formacións tivo interese en poñelo en marcha, como certifica que baixo o seu mandato nunca abriron as súas portas”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, ve en Augas Mestas “o exemplo perfecto da nefasta política en materia de turismo do Goberno provincial. Nunca se preocuparon por captar máis turistas, nin por mellorar a atención que se dá aos que nos visitan nin por facilitar os seus desprazamentos”, lamentou.
“É unha mágoa ver como PSOE e BNG abandonaron estas magníficas instalacións a súa sorte e que, semella, foron obxecto de saqueos, xa que hai numerosas pezas de mobiliario que se aprecia que faltan”, denunciaron.
A realidade é que o complexo de Augas Mestas podería converterse nun referente turístico na Ribeira Sacra “pero nin PSOE nin BNG teñen interese por mellorar a economía desta zona da provincia, xa que coa posta en marcha destas instalacións xeraríanse numerosos postos de traballo na zona sur, tanto directos como indirectos".
Xa non ano 2020, o goberno provincial deixou claro o seu nulo interese na posta en marcha deste complexo. No pleno de xuño dese ano, no transcurso dunha iniciativa presentada polo Grupo Provincial Popular, dende o goberno provincial, a deputada delegada de Turismo naquel momento, Pilar García Porto, sinalaba que poñerían en servizo estas instalacións “canto antes mellor”.
“Queda claro que catro anos son tempo máis que suficiente para realizar unha planificación máis que meticulosa e para buscar o financiamento necesario para abrir este complexo turístico”, explicou Ameijide. “O que falta é vontade política e gañas de traballar”, lamentou.